
Milagros López Vernet proclamouse este fin de semana subcampioa de España de Ciclismo Adaptado na localidade burgalesa de Villadiego. O sábado, a deportista baionesa foi segunda na proba contrarreloxo, completando o trazado de 23 quilómetros en 55:28. Na xornada matinal do domingo, repetiu posto na proba en liña, cun circuíto de 23 quilómetros co perfil máis esixente xamais exposto nunha cita deste tipo, que Mila afrontou en 1:02:20.
“Un circuíto duro e tamén do máis bonito de todos os que corrín”, comentou a baionesa, que ademais destaca a “moi boa organización, sinalización e traballo dos voluntarios”. A próxima cita será a seguinte proba da Copa de España, que se celebrará en Cheste o 14 de xullo.
Ademais, a Selección de Galicia da que formaba parte Mila alzouse o venres co 4º posto na proba de substitucións por equipos, que se desenvolveu nun circuíto urbano de 2,1 quilómetros polas rúas máis representativas e históricas do bonito municipio de Villadiego. “Para min coma se fose un primeiro posto, a miña primeira carreira facendo equipo cos compañeiros galegos e baixo unha carpa e bandeira na que sobran ganas e humor. Un circuíto moi rápido, algún que outro patinazo nalgunha curva co asfalto mollado e un grupo de raparigos animando a Galicia”, lembra a baionesa.
En total, foron 125 ciclistas os que tomaron parte no Campionato de España de Ciclismo Adaptado, máis que en ningunha edición anterior, entre os que merece unha especial recensión o notable aumento do número de mulleres participantes. Ademais, Villadiego puxo a disposición do nacional de paraciclismo uns inmellorables trazados, tanto para as probas de crono como para a ruta, que permitiron despregar todas as súas capacidades aos competidores.