
A colección de éxitos do Club Ciclista Rías Baixas neste 2018 non deixa de crecer. Antonio “Chava” Angulo subiu ao podio este domingo da Volta ao Guadalentín tras finalizar terceiro na xeral final. O xefe de filas da entidade presidida por José Luis Chamorro tivo que liquidar unha complicada situación de carreira para acabar pisando o caixón na primeira edición desta rolda murciana.
“Chava”, segundo na primeira xornada, e o líder Francisco García Rus (Gsport) iniciaron igualados a tempo os 135 quilómetros entre Porto Lumbreras e a subida á Fortaleza do Sol, en Lorca. Os compañeiros do primeiro clasificado e os pupilos de Iván Rodríguez marcaron o ritmo do pelotón no arranque da xornada.
Nun percorrido ideal para escaladores, a carreira rompeu nos dous portos encadeados de segunda categoría situados na segunda metade da etapa. Unha quincena de corredores marcháronse por diante na ascensión ao primeiro e, cando contaban cunha diferenza superior ao minuto, o líder García Rus atacou desde atrás.
O cambio de ritmo da camisola amarela orixinou un quinteto perseguidor e nesa selección estivo Angulo, que xunto a Rus asumiu o mando para recortar a desvantaxe. A diferenza chegou a rebaixarse ata os 20 segundos, pero a falta de colaboración non permitiu que o grupo do representante do conxunto miñorán alcanzase aos fuxidos.
Aínda que o triunfo parcial e da xeral quedou en mans dos escapados, “Chava” conseguiu na ascensión final á Fortaleza do Sol aferrarse aos postos de podio e terminar a Volta ao Guadalentín en terceira posición.
Na clasificación por equipos o Club Ciclista Rías Baixas asinou a cuarta posición, despois de completar esta rolda de dúas xornadas con todos os seus efectivos: Francesc Zurita na 21ª praza, Jaume Bonnin na 26ª, Cristian Cuervo na 34ª, Óscar Justo na 39ª, Jaime Guzmán na 59ª e Jorge González na 69ª.