Baiona reforza o servizo de limpeza e de vías e obras

O Alcalde de Baiona, Ángel Rodal, a Concelleira de Medio Ambiente, María Iglesias, e o Concelleiro de Vías e Obras e Medio Rural, Daniel García, reuníronse este venres para dar a benvida aos novos operarios que durante seis meses desempeñarán varios traballos no Concello. Trátase dun total de quince operarios, nove deles desempeñarán tarefas de limpeza no departamento de Medio Ambiente e os outros seis restantes levarán a cabo tarefas de vías e obras.

A estes 15 operarios sumaránselles ao longo dos meses outros 23, o que sumará un total de 38 traballadores. O Concello de Baiona destinou un investimento de 208.237 euros de fondos procedentes da Deputación de Pontevedra para contratar 38 persoas desempregadas.

A contía provén da liña que o organismo provincial prevé dentro do Plan Concellos 2018 para que os municipios utilicen nas conservacións de bens e servizos municipais. Dentro do montante de Deputación destinado a emprego, o Concello de Baiona quixo gastar o máximo da porcentaxe que se lle atribúe a estas funcións, un 22,5%, xa que o alcalde xunto co equipo de goberno quixo reverter a partida total no emprego dos veciños.

“É unha noticia fantástica que 38 familias poidan beneficiarse deste tipo de contratos xa que lles garante uns ingresos. Ademais, co seu traballo axudarán a manter e a mellorar diversos servizos municipais”, sinala Ángel Rodal, Alcalde de Baiona, quen defende que con estas novas incorporacións poderanse reforzar os servizos e ampliar as actuacións do consistorio.

Os operarios xa levan uns días traballando e encargáronse do mantemento e limpeza da zona do merendeiro e o aparcadoiro situado á entrada do cámping da Praia Ladeira. En canto á zona de aparcadoiro procedeuse a alisar o terreo e á cobertura de fochas. En ambas as dúas zonas, procedeuse ao corte e limpeza de maleza e á recolocación de postes de madeira.