Anuncios
Ticker de novas

Espazo Lectura celebra esta fin de semana a Primeira Acampada Lectora

Espazo Lectura organiza esta fin de semana a 1ª Acampada Lectora, que se celebrará dende a noite do sábado 26 á mañá do domingo 27 de maio. Esta actividade é herdeira da Noite na Biblioteca, que se viña desenvolvendo na Biblioteca Municipal de Gondomar ata o ano 2016, cando a asociación tivo que deixar de ofrecela por mor da nova distribución do mobiliario bibliotecario, que a fixo impracticable.

A primeira acampada lectora vai estar dedicada ao circo e nela van colaborar como monitores e monitoras os membros do Comando Le de Espazo Lectura. Os destinatarios serán 20 nenos e nenas que están cursando este ano Educación Primaria e que participaron ao longo do curso nas distintas actividades infantís de Espazo Lectura (Os mércores da Casa da Lectura e o Club de lectura compartida Lendo Contigo), así como fillos e fillas de persoas asociadas a Espazo Lectura.

Os nenos e nenas chegarán á acampada o sábado 26 ás 21:30 horas, logo de cear. Será unha noite chea de contos, xogos e actividades arredor do libro e a lectura, co fío condutor do mundo do circo. Ás 24:00 horas terá lugar un espectáculo a cargo de Asako Circo. Pola mañá haberá obradoiros de maxia e malabares, e a actividade rematará arredor das 10:00 horas, despois do almorzo.

Aínda que estaba prevista a realización da actividade na Casa da Lectura, en Donas, as inclemencias do tempo obrigan a facer un cambio de situación e, finalmente, celebrarase no CEIP Souto Donas de Gondomar.

Anuncios