II Mercado Antigo de Sabaryz: pasarrúas, obradoiros, exposicións, espectáculos e máis de 80 artesáns

O Concello de Baiona xa ten todo preparado para celebrar este domingo, día 27 de maio, a II edición do “Mercado Antigo de Sabaryz” coa intención de dar a coñecer a historia dun dos mercados máis antigos de Galicia. Unha celebración para gozar con toda a familia na que haberá pasarrúas, espectáculos e unha infinidade de actuacións, ademais dun recinto con máis de oitenta artesáns e máis dunha vintena de establecementos hostaleiros da parroquia.

“Queremos agradecer a colaboración dos comerciantes de Sabarís que fan posible a posta en escena dun variado mercado con oficios antigos, artesanía e mercadurías da época, postos de comida, exposicións, música, teatro, maxia, obradoiros, etc. coa intención de rememorar un dos asentamentos de mercadores con máis historia do Val Miñor”, destacou María Iglesias, concelleira de Cultura, encargada de organizar a celebración.

Os actos comezarán ás dez da mañá do domingo co disparo de salvas e continuarán cun pasarrúa inaugural amenizado polo Grupo de Gaitas “A Seneira” de Baiona. Ás 12:00 horas os seres imaxinarios ao son da música, a cargo de Kepler T&T, serán os protagonistas do mercado facendo pasar un bo intre aos alí presentes, e ás 13:00 horas, na Praza Victoria Cadaval, celebrarase o show do bufón “Gossip Medieval” da man do cómico Popín Palomero. Ás 16:00 horas “A Seneira” volverá realizar un pasarrúa polo recinto e ás 17:00 horas será o momento da exhibición circense con malabares, acrobacias… Ao longo da tarde continuarán os pasarrúas e as actuacións cun show de maxia na Praza Victoria Cadaval ás 19:00 horas a cargo do Mago Marco. O broche final á xornada poñerase cun espectáculo de lume ás 20:30 horas e xa ás 21:00 horas seis salvas darán por finalizado o mercado antigo.

O núcleo central da feira será a Praza Victoria Cadaval e estenderase tamén a gran parte da Avenida Julián Valverde onde se instalarán máis de 80 postos de artesáns, todos eles con produtos de elaboración propia, e anticuarios. Ademais, máis dunha vintena de establecementos hostaleiros da parroquia instalaranse no mercado e serán os encargados da oferta gastronómica.

Os máis pequenos tamén terán o seu particular espazo de goce no “Mercado Antigo de Sabaryz”. Pola mañá, en horario de 11:00 a 14:00 horas, e pola tarde, de 16:30 a 20:30 horas, gozarán dos obradoiros infantís nos que poderán realizar un gran número de actividades lúdicas e creativas.

O edificio do antigo pub “O Trasno”, situado na Avenida Julián Valverde, acollerá dúas interesantes mostras: unha acerca de “Os Oficios Antigos” e outra sobre “O proceso do liño”. Unhas coleccións particulares de Avelino Sierra que conta coa colaboración do empresario Agapito Comesaña Otero. Poderanse visitar en horario de 11:00 a 14:00 e 16:30 a 20:30 horas.

Historia do Mercado

A primeira noticia histórica deste mercado remóntase a 1736 onde aparece escrito nun documento antigo, que na ponte de Sabaryz producíanse asentamentos de mercadores e comerciantes, que burlando a Real Provisión que os Reis Católicos concedéranlle a Monte Real en 1497, tentaban vender os seus produtos nos camiños de acceso a Baiona ou agrupándose en lugares como San Antón, O Burgo, a Rúa Real e a ponte de Sabarís, onde eran reiteradamente dispersados e sancionados pola autoridade local.

Non é ata 1838 no que se autoriza e permítese a venda ambulante no devandito emprazamento e o verdadeiro mérito do Mercado de Sabarís está en que desde entón e ininterrompidamente veuse celebrando puntualmente todos os luns ata os nosos días no mesmo lugar.

  • 10.00H. Seis disparos de salvas, anuncian o comezo do Mercado Antigo de Sabaryz.
  • 11.00H RECINTO DO MERCADO
    Pasarrúas inaugural a cargo do Grupo de Gaitas «A Seneira» de Baiona.
  • 11.00•14.00H. Apertura dos obradoiros infantís: O recuncho do pintor, malabares, xogos tradicionais e instrumentos musicais a cargo de Matrácala, actividades lúdicas e recreativas.
  • 11.00•14.00H. LOCAL O TRASNO
    Apertura das Mostras: «Os Oficios Antigos» e «O proceso do liño».
    Colección particular de Avelino Sierra e coa colaboración do empresario Agapito Comesaña Otero.
  • 12.00H Pasarrúas a cargo de Kepler T&T. Seres imaxinarios ao son da música, facendo pasar un bo rato ás xentes do lugar.
  • 13.00H. PRAZA VICTORIA CADAVAL
    Show do bufón «Gossip Medieval» da man do cómico Popín Palomero.
  • 16.00H. RECINTO DO MERCADO
    Pasarrúas a cargo do Grupo de Gaitas «A Seneira» de Baiona.
  • 16.30•19.30H. Apertura dos obradoiros infantís: O recuncho do Pintor, malabares, xogos tradicionais e instrumentos musicais a cargo de Matrácala, actividades lúdicas e recreativas.
  • 16.30•20.30H. LOCAL O TRASNO
    Apertura das Mostras: «Os Oficios Antigos» e «O proceso do liño».
    Colección particular de Avelino Sierra e coa colaboración do empresario Agapito Comesaña Otero.
  • 17.00H. PRAZA VICTORIA CADAVAL
    Espectáculo cómico circense a cargo de Kepler T&T.
  • 18.00H. RECINTO DO MERCADO
    Pasarrúas a cargo de Kepler T&T. Seres imaxinarios ao son da música, facendo pasar un bo rato ás xentes do lugar.
  • 19.00H. PRAZA VICTORIA CADAVAL
    Show de maxia a cargo do Mago Marco.
  • 20.00H. RECINTO DO MERCADO
    Pasarrúas a cargo de Kepler T&T. Seres imaxinarios ao son da música, facendo pasar un bo rato ás xentes do lugar.
  • 20.30H. PRAZA VICTORIA CADAVAL
    Espectáculo de fogo a cargo de Kepler T&T.
  • 21.00H. Seis disparos de salvas darán por rematado o Mercado Antigo de Sabaryz.