
O Concello de Nigrán continúa coa celebración da semana das Letras Galegas apostando de novo pola compañía de rapaces e rapazas nigranenses Teatro do Ar, que con 7 anos de traxectoria xa se converteu nun habitual dos programas culturais da localidade. Así, o sábado 19 ás 20:00 horas no Auditorio Municipal volverán a representar “Naufraxio”, como xa fixeran no verán pasado. Trátase dun drama de actualidade: nunha vila costeira, un político e un empresario especulan para a construción dun hotel que infrinxe por completo a lei de costas. Para elo, precisan do voto de Xabier, líder da oposición no Concello. Despois da súa negativa comezará un xogo de chantaxes onde cada personaxe vivirá o seu naufraxio particular, un momento para decidir entre seguir loitando ou deixarse afundir.