
Este 17 de maio, Día das Letras Galegas, o Instituto de Estudos Miñoráns, IEM, e o Concello de Gondomar, a través da Concellaría de Cultura, celebrarán as Letras galegas cunha homenaxe á escritora María Victoria Moreno, a quen se lle dedica a data este ano.
Os escritores Iria Misa e Miguel Anxo Mouriño lerán fragmentos da obra desta profesora estremeña que namorou da lingua galega e dedicou a súa vida a escribir en galego, especialmente para os máis novos e novas. Ese lectorado tan presente para María Victoria Moreno estará representado neste acto por alumnado do CEIP Neira Vilas e IES plurilingüe Terra de Turonio, que lerán fragmentos de “Eu conto, ti cantas”.
Acompañando á palabra recitada estará o grupo musical Xardín desordenado que interpretará pezas do seu último traballo, «A vitoria da luz», baseado en textos de María Victoria Moreno e pechará o acto. Tamén, durante todo o acto a pintora Irene Silva realizará un mural en directo.
Palabra, música, pintura únense así para festexar a nosa lingua, esta que tanto amou María Victoria Moreno, quen non dubidou en utilizala no ensino ou en dar aulas de lingua alí onde for requirida en tempos da ditadura franquista. Os seus versos, os seus relatos en que os animais teñen un papel principal, o seu amor pola lingua son o legado que nos deixa unha estremeña que un día namorou deste noso país.