O Coro e Conxunto Instrumental do CPI Cova Terreña dedica o seu sétimo disco a ABBA

FOTO: CPI COVA TERREÑA // O coro gravando no estudo "Casa de Tolos".

O Coro e Conxunto Instrumental do CPI de Cova Terreña de Baiona presentará hoxe nun concerto ás 20:00 horas, no Auditorio V Centenario, o seu novo disco titulado “Cova Gold”, no cal versionan cancións de ABBA, e que xa foi presentado en Madrid e na Costa da Morte. Foi gravado durante unha xornada maratoniana no estudo “Casa de Tolos”, na parroquia gondomareña de Mañufe, pola mañá a parte instrumental e pola tarde as voces.

O CD, o sétimo desde a creación do coro, está composto por 9 dos temas máis emblemáticos do grupo sueco, un deles en versión instrumental. Inclúe “Waterloo”, “Take a chance on me”, “Dancing queen”, “Chiquitita”, “Mamma mia”, “Super trouper”, “Gimme” e “The winner takes it all”.

O coro está formado por uns 60 alumnos e alumnas de 1º a 4º de ESO, de entre 12 e 16 anos, que participan voluntariamente dentro do programa de convivencia do centro. O seu director, David Piñeiro, profesor de música, traballa con eles desde o ano 2004 cun grupo no que se admite a todo o alumnado, sen exclusión nin selección de voces.

Trátase dunha formación coral a tres voces, que xunto co conxunto instrumental, realizou numerosos concertos pola xeografía galega e nacional actuando en cidades como Andorra A Vella, Madrid, Huelva, Tui, etc. Na súa discografía contan coa publicación de seis discos anteriores, cada un deles dedicado a un tipo de música concreta, un tributo a The Beatles, outro con cancións de musicais, o terceiro con temas do pop español dos 80, música afroamericana ou con coñecidos temas de películas Disney.

Cada dous ou tres anos téntase facer esta actividade, moi importante para os alumnos, xa que se traballa nun estudo e esíxeselles moito por cordas, voces, o conxunto instrumental, etc. O obxectivo é que os escolares poidan gardar un grato recordo do seu paso polo Cova Terreña, e conseguir unha axuda coa venda dos discos para a viaxe de fin de curso.

2018-05-16 - WhatsApp Image 2018-05-16 at 09.06.50