
O Concello de Baiona formalizou o contrato coa empresa Sirvent S.L que fornecerá o mobiliario da Biblioteca Municipal por 38.778,08 € e EUN Sistemas S.L., o do Arquivo Municipal por 15.067,75 €.
O Concello asinou en decembro un convenio coa Xunta polo que a Administración autonómica achegaba 40.000 € ao equipamento do servizo, valorado en 75.000 €. Destináronse 15.000 a equipos informáticos e administrativos e o montante restante destinarase á compra de andeis rodantes, xa que a sala dispón de andeis fixos, mesas e cadeiras. Segundo o contrato de adxudicación rubricado esta mañá o mobiliario deberá estar colocado nun prazo dun mes e medio.
A Concelleira de Cultura, María Iglesias, sinalou que “cando se instale o novo material xa estará todo listo para a reapertura do edificio”. Ademais, destacou “que nos próximos quince días procederase ao traslado de libros e material audiovisual para colocalos nos novos andeis en canto cheguen a finais de xuño. A primeira semana de xullo xa estará todo listo para a inauguración”.
Pola súa banda, o Alcalde de Baiona, Ángel Rodal, destacou que “se trata do último trámite que faltaba para poder abrir a Biblioteca Municipal” e engadiu que coa rehabilitación do edificio Sancti Spiritus “estamos ante unha obra espectacular, tanto polo seu deseño como polas súas dimensións e comodidade. Os veciños e veciñas de Baiona poderán gozar dunha dotación cultural de gran calidade e funcionalidade”.
A rehabilitación do antigo Hospital Sancti Spiritus levouse a cabo cun investimento superior aos 1,1 millóns achegados polo Ministerio de Fomento, grazas ao plan denominado 1,5% Cultural.