Baiona festexa o Día Mundial das Abellas coa II Feira Apícola do Val Miñor

FOTO: PEPE COSTAS // Posto de venda de mel na Romaría de San Cosme e San Damián.

O Concello de Baiona e a Asociación Galega de Apicultura organizan coa colaboración de ACEBA e os Concellos de Nigrán e Gondomar a II Feira Apícola e as III Xornadas do Val Miñor os días 19 e 20 de maio con motivo da celebración do Día Mundial da Abella.

O sábado terán lugar as III Xornadas Apícolas, a partir das 16:00 horas na Capitanía Marítima de Baiona. Falarán Gonzalo Calvo sobre a mortalidade das colmeas, Ruth Vilar sobre Quen alimenta realmente o mundo? e Ignacio Fernández sobre os produtos das colmeas.

O domingo celebrarase a II Feira Apícola do Val Miñor, desde as 10:00 ata as 20:00 horas no Paseo Ribeira. Contará coa presenza de apicultores locais que poñerán os seus produtos á venda xunto ao Centro Juan María, que levará manualidades feitas a base de cera e realizarán un obradoiro de “candeas”. A Asociación Encaixamos venderá mel e doces elaborados con esta substancia.

A feira tamén contará coa presenza dun apiterapeuta que explicará as vantaxes deste tratamento con abellas, e ás 16:00 horas terá lugar a entrega de premios do concurso de debuxos realizado polo alumnado de primaria de diferentes colexios do Val Miñor.

A celebración do Día Mundial das Abellas ten como obxectivo sensibilizar á sociedade sobre a importancia das abellas na súa función de polinización polos beneficios que achega á agricultura, ao medioambiente e á alimentación. Esta iniciativa partiu no 2014 da Asociación de Apicultura de Eslovenia, país onde esta data xa está establecida como o Día Nacional das Abellas, e foi apoiada por Apimondia, Federación Internacional de Asociacións Apícolas. O 22 de decembro de 2017 a ONU declarou oficialmente o 20 de maio Día Mundial da Abellas. Trátase dunha celebración internacional para facer difusión sobre a importancia das abellas e reivindicar a súa necesaria protección como gardiás do medio ambiente.