Anuncios
Ticker de novas

Baiona cobre o 100% dos postos do mercado de Sabarís sacados a concurso

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // 520 aniversario do mercado de Sabarís.

Este luns o salón de plenos do Concello de Baiona acolleu o sorteo público do concurso de adxudicación de 73 postos de venda ambulante para o mercado de Sabarís, que se celebra todos os luns na parroquia desde hai máis de 520 anos.

“Concretamente rexistráronse 112 solicitudes. Algúns postos rexistraron varias peticións polo que unha vez adxudicados os máis demandados, as restantes solicitudes foron repartidas entre outros postos polo que se cubriron o 100% dos postos que sacamos a concurso. A convocatoria foi todo un éxito”, detallou a concelleira de Mercados, Mª Carmen Paredes.

O mercado de Sabarís é un dos máis antigos de Galicia e segue xogando un papel crave na posta en valor da parroquia de Santa Cristina da Ramallosa. O obxectivo, segundo explicou Paredes, é o de “seguir dinamizando e apostando polo mercado”. Pero non só iso. “O mercado dos luns de Sabarís é cada vez máis soado e o número de postos aumenta, polo que nesta convocatoria incrementouse o radio de espazo público no que se asintan os vendedores, incluíndo novos postos na Avenida José Pereira Troncoso.

Este novo concurso vén ampliar o espazo de comercio no que se dan cita unha gran variedade de produtos de moi variada clase que van desde froitas e verduras, ata decoración, moda e complementos entre outros moitos.

Paredes, que á súa vez tamén é concelleira de Comercio, destaca “o efecto tan positivo que ten a pluralidade do comercio que se dá no mercado de Sabarís que, lonxe de ser competencia dos comercios permanentes, serve de catalizador para todos aqueles que deciden ir ata a feira o luns pola mañá e que desta maneira consomen nos diferentes establecementos”.

Pola súa banda, o Alcalde de Baiona, Ángel Rodal, móstrase moi satisfeito “ante a gran demanda polos postos ofertados que veñen confirmar o interese polo noso mercado”.

Anuncios