Anuncios
Ticker de novas

Concerto de I Colori Dell’Armonia en Gondomar

Este mércores 16 de maio ás 21:00 horas na Igrexa de San Bieito de Gondomar teremos a oportunidade de escoitar un fermosísimo concerto a cargo de I Colori Dell’Armonia, quinteto de música barroca, organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Gondomar, que dirixe Nuria Lameiro, dentro das actividades para conmemorar o 35 aniversario do Conservatorio Municipal. A entrada é gratuíta ata completar o aforamento.

Será un programa dedicado a Telemann e Couperin interpretado polos magníficos músicos Mariña García-Bouso Fernández (violín), Josepe Andoni Conde Villar (violín), Xurxo Varela Díaz (viola da gamba), Débora Valuja González (cravo) e Eneas Fernández Freire (tiorba).

I Colori Dell’Armonia nace en 2010 na cidade portuguesa de Porto. A unión dos músicos xurde por ser todos alumnos do Curso de Música Antiga da Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo (ESMAE) desa cidade.

Partindo dunha constitución base (dous violíns e cravo), a súa formación varía dependendo do repertorio, ampliándose con outros instrumentos como o violoncello, a viola da gamba, tiorba, guitarra barroca, voz, etc…

A súa estrea en público foi en agosto de 2010 en Ribadeo (Lugo). Desde ese momento nunca deixaron de presentarse en público nin de continuar a súa formación, tanto individualmente como en grupo, asistindo a diversas masterclass con músicos de alto nivel no ámbito da interpretación histórica formada como Amandine Beyer (violín barroco), Marco Ceccato (violonchelo barroco), Ana Mafalda Castro (cravo), Guido Morini (cravo), Ana Fontana (cravo), Giovanni Togni (cravo), entre os máis salientables.

Teñen tocado en varios lugares de Galicia, así como de Portugal, sendo a súa premisa a interpretación historicamente informada empregan diapasón e instrumentos históricos. O concerto será gravado en directo pola Radio Galega.

Anuncios