Anuncios
Ticker de novas

Xornada de limpeza e simulacro de rescate dun golfiño varado en Patos

Preto dun centenar de nenos e nenas de todas as idades reuníronse o sábado na praia de Patos para recoller o lixo do areal e ademais recibir formación sobre o varamento de mamíferos mariños, como golfiños ou baleas. A actividade forma parte de Ocean Initiatives, un programa de Surfrider Foundation Europe para tratar a contaminación dos lixos mariños a través da educación e da conciencia cidadá.

Estas xornadas, organizadas en Nigrán por Prado Surf Escola coa colaboración do Concello, desenvólvense á vez en todo o continente europeo de forma simultánea, co obxectivo de sensibilizar sobre os residuos acuáticos mediante limpezas de praia, lagos, ríos e fondos mariños. Ademais de Surfrider Foundation, contan coa participación da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), e a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA).

A xornada comezou cunha charla de coordinación para a continuación, divididos en grupos, percorrer a praia e realizar a limpeza, retirando centos de plásticos de pequeno tamaño, que co tempo converteríanse en partículas de microplásticos indetectables para os nosos ollos. Tras unha foto de familia, Pablo Covelo fixo unha introdución sobre a ecobioloxía dos cetáceos, antes da actividade de simulacro de rescate, na que se serviron dunha maqueta a escala dun golfiño. Alfredo López, do CEMMA, explicou aos mozos como atender un animal varado e como devolvelo ao mar, ademais da maneira correcta de actuar na auga se se atopan cun cetáceo ferido. Para finalizar a demostración, os participantes colocaron a réplica do animal nunha padiola flexible e dirixíronse ao mar.

Adrián Seoane, responsable de Prado Surf Escola, lembrou que moitas mortes débense a atragantamentos con plásticos disoltos na auga, ou a restos de redes pesqueiras. Casualmente o venres apareceu varado na beira de Patos o cadáver dunha variedade de golfiño de aproximadamente un metro de lonxitude e que foi utilizado de maneira improvisada como exemplo nas xornadas. “Loxicamente a maioría dos desperdicios que están a ser recollidos na area proveñen do mar e moitos deles pasan á cadea alimenticia dos peixes, en ocasións con consecuencias fatais para eles”.

Previamente á celebración das xornadas, Seoane recibiu formación de Surfrider Foundation sobre as accións a ter en conta. Ademais, a asociación sen ánimo de lucro francesa proporcionou o material necesario, por exemplo luvas, bolsas e paneis informativos. Os desperdicios, ao non ser todos eles da mesma natureza, son clasificados antes de depositalos nos seus correspondentes contedores.

A xornada, que coincidiu ademais coa celebración dunha proba de surf e bodyboard do Circuíto Galego Júnior que forma parte tamén do Circuíto Nacional Promesas, finalizou cunha sesión gratuíta de surf para todos os participantes.

Anuncios