Anuncios
Ticker de novas

Falece Juan Antonio González, ex concelleiro e ex presidente do Gondomar Club de Fútbol

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Juan A. González nunha sesión plenaria.

Juan Antonio González Rodríguez, o que fora presidente do Gondomar Club de Fútbol e concelleiro de Seguridade e Educación do actual goberno municipal presidido por Paco Ferreira, faleceu esta madrugada. O 21 de novembro de 2016 renunciaba á súa acta, xa que lle diagnosticaran “Mieloma Múltiple” e fixo un autotransplante de medula no Hospital Álvaro Cunqueiro.

Agradecía entón a todo o pobo de Gondomar o apoio recibido nas eleccións municipais de 2015, a todos os amigos e coñecidos polo seu apoio incondicional, a toda a súa familia, en especial á súa muller e as súas dúas fillas, a todos os compañeiros de goberno e aos da corporación, ademais de a todo o persoal do Concello. “Foi unha honra e un orgullo para min estar no goberno do querido pobo de Gondomar”, afirmaba.

Tras coñecer a noticia, Ferreira trasladou o seu pésame á familia, destacando que sempre estivo “involucrado e comprometido en traballar e facer un Gondomar mellor”. Grazas a el, asegura o alcalde, “baixo o slogan AgoraSi logramos a alcaldía e puidemos cambiar o modelo político en Gondomar. Lembrarémoste con añoranza e nunca deixarás de estar presente no noso recordo”.

Desde o Gondomar Club de Fútbol tamén tiveron palabras para Juan. “Imos botarte moito de menos, eras un alicerce moi importante para o noso equipo”.

Os seus restos mortais estarán na Sala Nº 4 do Tanatorio do Miñor en Sabarís. Abrirá ao público a partir das 18:00 horas de hoxe e o cortexo fúnebre sairá mañá luns ás 19:00 horas con destino á Igrexa Parroquial de San Bieito en Gondomar, onde se celebrarán os funerais de corpo presente e despois a súa inhumación no cemiterio parroquial.

Anuncios