Estudantes de pre-doutoramento de toda Europa fórmanse en Baiona en comunicacións cuánticas

FOTO: UVIGO // Os estudantes no Parador de Baiona.

En 2016 arrancaba un proxecto europeo, no que está involucrada a Universidade de Vigo, co obxectivo de especializar a novos investigadores nunha área de coñecemento que será unha das tecnoloxías do futuro: as comunicacións cuánticas. Agora, cando esta iniciativa chega ao seu ecuador, impulsou na vila de Baiona a Secure Quantum Communications (SQC) School, unha xuntanza internacional na que participaron a pasada semana preto dun cento de estudantes e de expertos de toda Europa. Marcos Curty, investigador do grupo Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e director do comité de organización, explica que esta é a primeira vez que se organiza este tipo de evento na Universidade de Vigo. “Trátase dunha escola sobre comunicacións cuánticas pensada especialmente para investigadores e investigadoras de pre-doutoramento” na que tiveron a oportunidade de relacionarse e interaccionar con algúns dos principais expertos internacionais neste eido.

O simposio enmárcase no contexto do proxecto europeo H2020 Quantum Communications for ALL (QCALL), a primeira Innovative Training Network (ITN) que obtivo a Universidade de Vigo, un tipo de proxecto de I+D que se constitúe como rede internacional de empresas e institucións para formar durante catro anos a profesionais de primeiro nivel nunha área de coñecemento determinada. Neste caso, o obxectivo é que estudantes de doutoramento europeos se formen entre 2016 e 2020 en universidades e empresas punteiras en tecnoloxías e comunicación cuánticas.

73 estudantes e nove especialistas de primeiro nivel mundial

A Secure Quantum Communications (SQC) School é un programa dunha semana de duración “sobre aspectos teóricos e experimentais das comunicacións cuánticas coa participación de especialistas de recoñecido prestixio que axudarán a que os estudantes participantes acaden unha capacitación de alto nivel neste eido”, destaca Curty. En total participaron 73 investigadores e investigadoras de pre-doutoramento, 15 deles membros do propio proxecto de investigación e outros 58 pertencentes a institucións de Alemaña, Reino Unido, EEUU, Italia, Austria, Francia, Grecia, Finlandia, Rusia, Turquía, India, Taiwan, Irán, China, Polonia, Escocia, Serbia, etc. Xunto a eles interviñeron unha serie de especialistas dos máis relevantes centros de investigación do mundo, como Antonio Acín, do Instituto de Ciencias Fotónicas de Barcelona; Eleni Diamanti, científica do CNRS, University Pierre and Marie Curie de Paris; Anthony Leverrier, do French Institute for Research in Computer Science and Automation de Paris; Marco Lucamarini, do Toshiba Research Europe Limited de Cambridge; Norbert Lütkenhaus, do Institute for Quantum Computing de Waterloo en Canadá; Nitin Jain, da Technical University of Denmark; Renato Renner, do ETH Zurich; Christian Schaffner, do Institute for Logic, Language and Computation (ILLC) da University of Amsterdam e Hugo Zbinden, da University of Geneva.

Nestes cinco días impartíronse 15 seminarios de hora e media de duración sobre criptografía cuántica, nos que se abordaron cuestións tanto teóricas como experimentais e avaliáronse as prestacións e a seguridade destas tecnoloxías. Ao longo da semana celebrouse tamén unha sesión de pósters, na que os estudantes puideron presentar e debater as súas propias investigacións.

Un proxecto formativo punteiro

Marcos Curty destaca que a criptografía cuántica “permítenos ter comunicacións totalmente seguras” baseándose nos principios da mecánica cuántica, é dicir, son sistemas que non se poden romper, algo de especial relevancia nunha contorna na que o intercambio de datos a través de internet é cada vez maior e implica institucións, empresas e gobernos que precisan de comunicacións cen por cen seguras. Así, apunta Curty, a finalidade do proxecto colaborativo QCALL é avanzar no desenvolvemento “de redes seguras a nivel continental, ao tempo que formamos as e os expertos en tecnoloxías cuánticas do futuro”.

O proxecto ten un orzamento global de 4 millóns de euros, 500.000 dos cales xestionará a Universidade de Vigo como entidade coordinadora dunha das tres accións que conforman a rede. En total, QCALL está impulsado por oito socios: as universidades de Vigo, Leeds (Reino Unido) que coordinada a rede, Padova (Italia), Dusseldorf (Alemaña), Xenebra (Suíza), Télécom ParisTech (Francia) e o Cambridge Research Laboratory de Toshiba e a empresa suíza ID Quantique. Ademais, nesta rede participarán outros centros e empresas internacionais como socios colaboradores, que contribúen á aplicación práctica dos coñecementos acollendo estudantes que poderán realizar estadías durante os anos de duración do proxecto.

O subproxecto coordinado polo grupo de Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas da EE de Telecomunicación céntranse en desenvolver novos protocolos e solucións para o futuro das comunicacións cuánticas. “Traballaremos na xeración de números aleatorios, en protocolos de comunicación máis eficientes incorporando as tecnoloxías cuánticas e en protocolos máis vinculados ao concepto de integridade das comunicacións que ao de confidencialidade das mesmas”.