
Gondomar Concello Aberto realizou este sábado a primeira concentración a prol dun Centro de Saúde digno para Gondomar. Logo das Mocións presentadas no Concello, da recollida de máis de 2.000 sinaturas entregadas ao Conselleiro de Sanidade e da iniciativa parlamentar de En Marea, hoxe ás 12:00 horas un grupo de veciñas e veciños concentráronse na Praza do Centro de Saúde para esixir o novo Centro de Saúde que Gondomar demanda.
“Levamos anos de retrasos, recortes e paralizacións. Un novo Centro de Saúde 8 anos proxectado e con constantes aprazamentos e demoras. Con capacidade para atender a so 10.000 persoas, cando en Gondomar somos máis de 16.000. Que non contempla servizos básicos como rehabilitación, fisioterapia ou aumento do servizo de pediatría. Máis pequeno e con menos profesionais, seguirase a derivar parte da poboación infantil e adulta ao Centro de Saúde da Xunqueira, mentres o servizo de transporte é inexistente ou moi deficiente”, recorda Pauliño del Río.
“Para paliar estas eivas reivindicamos que o novo Centro de Saúde recolla as necesidades e servizos que demanda Gondomar e con capacidade para atender a toda a súa poboación”, conclúe o voceiro de CABE.