Anuncios
Ticker de novas

Iago Caamaño, primeiro líder provisional do 52 Rallye Recalvi Rías Baixas

FOTO: RALLYE RÍAS BAIXAS // Iago Caamaño no TC1 Gondomar.

O Ford Fiesta R5 de Iago Caamaño e Alberto Rodríguez foi o máis rápido en cubrir os 6,10 quilómetros da especial coa que arrancou o 52 Rallye Recalvi Rías Baixas. O actual líder provisional do campionato galego de rallyes de asfalto estivo máis acertado que Víctor Senra na elección de pneumáticos, que se decantou por uns de choiva extrena e estaba para húmido, e empregou catro segundos menos que o piloto de Yacar Racing en percorrer o TC1 Gondomar. O Campión galego de 2017 tívose que conformar, por tanto, coa segunda posición. O terceiro mellor tempo fíxoo o Mitsubishi Lancer EVO X de Alberto Meira. O piloto de Vincios saíu a por todas nun tramo que coñece ben, pero tivo problemas na parte traseira do seu coche, trompeou nunha freada, e ao final cedeu case seis segundos con respecto a Iago Caamaño.

Non houbo por tanto sorpresas nesta primeira xornada de competición e os tres favoritos ao triunfo repartíronse as tres primeiras posicións da xeral provisional.

En canto ás Copas de Promoción, na Pirelli Castroll Top Ten A, o mellor no TC1 Gondomar foi o Ford Fiesta N5 de Tino e Jorge Iglesias, que ademais se anotaron o quinto mellor tempo da xeral. Manuel Fernández ocupou o segundo posto e Jorge Pérez Oliveira, o terceiro.

Na Copa Pirelli Castroll Top Ten B, o máis rápido en cubrir os 6,10 quilómetros polas estradas de Gondomar foi o Citroen C2 de Abel Pampillón.

Jorge Cagiao, aos mandos dun Peugeot 106 GTI, foi o mellor dos pilotos que compiten no Volante FGA; na Copa Pirelli AMF MotorSport impúxose o actual líder, o Citroen Saxo VTS 16 V pilotado por Francisco Pazos mentres que na Iniciación Recalvi o máis rápido foi o Seat Marbella de Antonio Francisco Pérez Mojón.

Gran ambiente na Porta do Sol de Vigo

Antes de dirixirse a Gondomar, os 150 equipos participantes deixáronse ver polo centro Vigo. Alcaldes e representantes das distintas localidades polas que pasa o 52 Rallye Rías Baixas foron os encargados de dar a saída oficiosa, de minunto en minuto, desde a Porta do Sol da cidade olívica a cada un dos vehículos. Un acto que contou coa presenza de numerosos afeccionados que non quixeron deixar pasar a ocasión para ver de preto os coches de carreira.

Anuncios