Encontro da Rede Galega de Sementes en Gondomar

FOTO: PEPE COSTAS

Este sábado, 12 de maio, durante todo o día celebrarase un novo encontro da Rede Galega de Sementes en Gondomar. Este ano coincidirá ademais co Encontro de Con-sumo Responsable que organiza os 2º e 4º sábados de mes a Asociación O Toxo. Será na Praza de San Bieito (subida á Igrexa de San Bieito). Ao longo do día haberá charlas, música e feira de alimentos ecolóxicos e da horta familiar tradicional.

A feira das sementes é un espazo onde ten cabida a sociedade rural popular tradicional, a cal necesita ser coidada, conservada e ensalzada, por ser o núcleo primordial da vida, da comunidade e da soberanía. A misión da Rede é, dende unha visión holística, crear e dar vida a un espazo onde os labregos e labregas e os seus saberes poidan ser mostrados e valorados, a través do cultivo natural e tradicional que coida da terra, das diferentes artesanías creadoras de espazos, da menciña e da alimentación natural dadoras de vida, da espiritualidade, do amor comunal e da cultura popular, dentro dun ámbito local. Ao mesmo tempo preténdese crear un espazo de reflexión e información para iniciar un retorno ás comunidades rurais, núcleo de vida, saber e amor de todos.

PROGRAMA

10:00 h Apertura da feira
11:00 h Apertura da mesa de troco (Trae as túas sementes para trocar)
12:00 h Plantas Bioindicadoras no Monte (Simbiose)
14:00 h Xantar popular (Trae comida para compartir)
17:00 h Apertura da mesa de troco (Trae as túas sementes para trocar)
17:00 h Presentación do proxecto: Rexeneración Forestal Autóctona Val Miñor
18:00 h Mesa redonda: Recrear os Montes Comunais
19:30 h Peche da mesa de troco