Cita crucial para o Volante FGA con motivo do 52º Rally Rías Baixas

O Campionato Galego de Rallies marcha vento en popa e o próximo fin de semana terá lugar a terceira cita da tempada, o 52º Rally Rías Baixas. A emblemática carreira regresa tras un parón de tres anos (en 2015 celebrouse a súa última edición, por aquel entón puntuable para o Campionato de España e na que se impuxo Miguel Fuster), aínda que agora formando parte do disputadísimo certame autonómico.

Esta proba será ademais puntuable para o Volante FGA, actualmente o máis veterano dos trofeos de promoción que se celebran dentro do ámbito do Galego de Rallies. Para moitos dos pilotos habituais do rexional, este rally representa unha ocasión especial debido a que competirán por tramos practicamente descoñecidos, dos que no seu momento formaban parte desta carreira cando puntuaba exclusivamente para o Nacional.

Lembremos que no Volante FGA, os vehículos permitidos teñen unha cilindrada máxima de 1.600cc e contan cunha preparación sumamente limitada, de tal maneira que se restrinxen enormemente as melloras en motores, suspensión, freos ou caixa de cambios, que practicamente emulan as especificacións de serie, prohibindo o emprego de autoblocante. Dentro do Volante FGA, os menores de 27 anos compiten por gañar, ao final de tempada, a “Promoción Xoven Piloto”: Unha bolsa para dar o salto, na próxima tempada, a competir no Campionato de España cun vehículo da categoría R2.

Para seguir o rally

VENRES 11 MAIO
Verificacións no Pavillón de deportes de Porriño
Cerimonia de saída na r/Príncipe de Vigo a partir das 18:30
Tramo A “Gondomar” ás 19h43
Parque de asistencia situado en Samil

SÁBADO 12 MAIO
Saída rally ás 7h30 desde Samil
Tramo B – “Mondariz” ás 8:18 e 11:26
Tramo C – “ Sabaxáns” ás 8:44 e 11:52
Tramo D – “Salceda” ás 17:31 e 20:49
Tramo E – “Porriño” ás 18:27 e 21:46
Final do rally a partir das 22:25 en Samil

Resultados en directo en… www.temposfga.eu

Anuncios