Gondomar ofrece un curso de operadora de produción e loxística

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR // Curso de operador de carretillas elevadoras.

O Concello de Gondomar desenvolverá o programa “Capacitadas”, cuxo obxectivo principal é favorecer as posibilidades de inserción laboral das mulleres en situación de vulnerabilidade, fomentando a elección e desempeño de profesións tradicionalmente masculinizadas, como é o caso do curso de operadora de produción e loxística.

O curso, que se desenvolverá entre os meses de abril e xuño, vén financiado polo Ministerio de Igualdade, a través da Secretaría de Estado de Igualdade e contra a violencia de xénero, priorizando neste caso ás candidatas que sexan vítimas da violencia machista, así como mulleres que forman parte de colectivos que adoitan ter dificultades para acceder ao mercado laboral.

O programa, do que se poderán beneficiar un total de 15 persoas, desenvolverase en forma de itinerario formativo cun total de 168 horas, incluíndo obradoiros de sensibilización en igualdade e empoderamento para o emprego con perspectiva de xénero, ata prácticas formativas non laborais en empresas, pasando pola formación teórica práctica que inclúe o manexo de carretillas elevadoras.

Promovido polo CIM, dependente da Concellería de Igualade, “Capacitadas” vai máis aló de buscar a mellora de posibilidades de inserción laboral das mulleres, ao fixar tamén como obxectivos “fomentar a elección e desempeño de profesións masculinizadas, favorecer a toma de conciencia de desigualdade entre homes e mulleres e, facilitar ás participantes mecanismos para incrementar a autoestima e autonomía persoal”.

Prazos

As interesadas poderán inscribirse entre o 21 e 25 de marzo presentado as súas solicitudes no Rexistro Municipal, arrancando a formación o 4 de abril cos obradoiros de sensibilización en igualdade (20 horas). Ademais durante o mes de abril recibirán a formación para manexo de carretillas elevadoras (18 horas) así como a formación teórico-práctica para o posto de traballo. Finalizarán coas prácticas formativas en empresas que se desenvolverán entre o 2 de maio e o 30 de xuño.

Máis información no CIM, a través do correo aio@concellodegondomar.com ou no teléfono 986 389 355.