Van Heerden rompeu en Valls o teito do Club Ciclista Rías Baixas na Copa de España

O Club Ciclista Rías Baixas segue dando pasos cara a adiante na súa aínda curta historia. Este domingo na Classica Xavi Tondo a entidade presidida por José Luis Chamorro conseguiu colocar por primeira vez a un dos seus corredores entre os dez primeiros nunha proba puntuable para a Copa de España. Eddie Van Heerden cruzou en sétima posición a liña de meta de Valls.

A oitava e penúltima xornada do certame estatal resolveuse ao sprint. O ruso Dzmitry Zhyhunou (Lizarte) foi o máis rápido do grupo de 30 unidades que se xogou a vitoria tras 170 quilómetros de percorrido pola provincia de Tarragona. Van Heerden aguantou o ritmo dos máis fortes nas catro ascensións puntuables e na recta final espremeu a súa punta de velocidade para meterse no ‘Top-10’.

A 47″ da cabeza de carreira finalizou Adrián Escobar, no posto 34º, sumando puntos para a estrutura miñorana, que ocupou a décimo cuarta praza na táboa por equipos. Jaime Guzmán (69º), Iván Arribas (115º) e David Galarreta (116º) tamén completaron a terceira edición desta clásica que homenaxea a figura do malogrado Xavier Tondo.

A falta dunha xornada para a conclusión da Copa de España, o GP Macario Concello de Alcalá de Henares que se disputará o vindeiro domingo en Madrid, Galarreta perde unha posición na clasificación xeral individual e agora é décimo terceiro.