Os arqueiros de Baiona e Gondomar triunfan no Campionato Galego Aire Libre

Este domingo celebrouse o Campionato Galego Aire Libre Arco Tradicional e Espido en Pontevedra, cun total de 76 participantes, nunha xornada espléndida e baixo a excelente organización da FGTA e Club Boa Vila, un club que destaca en canto a organización destes eventos. Número de participantes realmente elevado tendo en conta que está integrado exclusivamente por arqueiros estilo tradicional e espido.

Silvia Marcote, a arqueira baionesa do club redondelán Meigarco, na súa primeira participación como sénior na modalidade Aire Libre, sendo cadete e despois dunha disputada final en tiro alterno e que implica unhas condicións realmente duras, o que lle serviu para gañar en experiencia, conseguiu o subcampionato galego en muller Arco Recurvo Instintivo.

Benjamín Carneiro, arqueiro baionés do club redondelán Meigarco, conseguiu tamén o subcampionato infantil Arco Espido a pesar da súa curta idade, sendo o gondomareño Adrián Millán o campión galego nesta modalidade.

Ao mesmo tempo, Sergio Alonso, tamén con tiro alterno, outro arqueiro gondomareño do club redondelán Meigarco, cadete pero actuando como sénior, obtivo o subcampionato nesta categoría en Arco Espido, seguindo do mesmo xeito que Silvia Marcote un futuro máis que prometedor cada un na súa especialidade.

Excelente actuación tamén por parte dos demais arqueiros infantís e cadetes Arco Xeve, Arqueiros da Canteira e María de Arco Celta. Excelente podio tamén de Eugenio Casal, redondelán do Club Meigarco e recoñecido arqueiro campión de España.

Podemos dicir que hai canteira, sénior e experiencia en Galicia para levar esta modalidade ao máis alto.

Anuncios