Unha delegación baionesa goza do “Día de Villas Marineras” en Ribadesella

O Alcalde de Baiona, Ángel Rodal, e a Concelleira de Turismo, Beatriz González, viaxaron a Ribadesella acompañados por cincuenta veciños e veciñas das diferentes parroquias do municipio para gozar do “Día de Villas Marineras” e participar nos festexos que se celebraron na localidade asturiana.

Tamén viaxou a Ribadesella o grupo baionés de música tradicional Abóbriga, para participar nos actos festivos, deixando o seu sinal en terras asturianas coas súas actuacións, levando ben alto e con tremendo orgullo o nome de Baiona.

A Asociación Villas Marineras á que Baiona pertence desde a súa fundación, e que este ano preside o Alcalde da Real Vila, celebrou ao longo do sábado a cuarta edición do “Día de Villas Marineras”. Nesta ocasión, a vila anfitrioa foi Ribadesella, en Asturias, e o evento, que se celebrou por primeira vez no ano 2014 en Baiona, xorde para dar a coñecer os municipios que forman o colectivo e poñer en valor os seus recursos turísticos, culturais e gastronómicos, ademais de afianzar a imaxe a nivel interno nos propios municipios.

A Concellería de Turismo de Baiona, que coordina Beatriz González, foi a encargada da organización da viaxe, para que os veciños puidesen gozar deste día especial e coñecer a vila asturiana.

A viaxe tivo unha duración de dous días, facendo noite en Ribadesella o venres. A saída de Baiona produciuse á primeira hora da mañá o venres e a volta tivo lugar a tarde/noite de onte.

O custo total da viaxe por persoa foi de 76 euros en cuarto dobre. O prezo incluíu o aloxamento nun céntrico hotel de 2 estrelas, en réxime de aloxamento e almorzo buffet, e todas as comidas e ceas que implica o desprazamento. A viaxe, foi subvencionada polo Concello de Baiona e realizouse en autobús.

O Concello de Ribadesella elaborou un amplo programa de actividades. Os baioneses puideron gozar de diversas actuacións folclóricas e tradicionais, varias mostras gastronómicas e de artesanía, ademais de visitas guiadas polo municipio.

A xornada deste sábado comezou ás 11:30 cun pasarrúas con charangas do municipio de Laredo. Ás 12:00 tivo lugar o acto de benvida na carpa instalada na Praza Nova da localidade. Entre as 12:15 e as 14:00 horas tivo lugar a mostra de folclore dos grupos de Ribadesella, Baiona e San Vicente de la Barquera. Ás 14:00 horas fíxose unha pausa para levar a cabo unha degustación de irmandamento de produtos típicos de Ribadesella e unha comida de confraternización. Xa ás 16:30 reiniciouse a mostra do folclore das Villas Marineras coas actuacións das outras localidades pendentes de actuar.

Anuncios