Sin categoría

O plan de emerxencia da presa de Baíña inclúe sirenas e simulacros de rotura do dique

O Salón de Plenos do Concello de Baiona acolleu a primeira reunión informativa sobre a implantación do Plan de Emerxencia da Presa de Baíña. Á cita acudiu o subdirector Xeral de Xestión de Dominio Público de Augas de Galicia, Roberto Arias Sánchez, acompañado por outros técnicos do servizo, técnicos da Dirección Xeral de Emerxencias da Xunta de Galicia, a técnica de Medio Ambiente do Concello de Baiona e o Alcalde de Baiona, Ángel Rodal. Alí asistiron ás explicacións dadas polos técnicos de Augas de Galicia e da empresa encargada do plan, sobre o estado da xestión.

Unha das cuestións que se abordou foi o radio de afectación ante un posible escenario de emerxencia. Ademais, decidiuse que os sistemas de alerta á poboación incluirán a implantación de dúas sirenas de aviso de emerxencia. Tamén se establecerán puntos de encontro para a poboación. Rodal cualificou a reunión como de “alta produtividade” e garantiu a colaboración do Concello.

“O Concello de Baiona mantense á espera das indicacións de Augas e Emerxencias da Xunta para as fases de información poboacional e difusión das medidas que se deben aplicar en caso dun escenario real e con información para un simulacro previo á implantación. Así mesmo, Concello, Protección Civil e Policía Local iniciarán a elaboración do Plan de Actuación Municipal, de tal forma que en caso de inundación do pantano ou rotura no seu dique de contención estean listos os pasos para levar a cabo para que a poboación da localidade non se vexa afectada”, detallou o Alcalde.

A presa de Baiona, pertence ao ámbito territorial de Galicia-Costa e é de titularidade da Xunta de Galicia. En función do risco potencial está clasificada na categoría A, en consecuencia, require a elaboración dun Plan de Emerxencia. Devandito Plan xa foi readaptado no ano 2015, polo que agora procede a implantación do mesmo.

O obxectivo da reunión foi explicar ao Concello en que consiste este plan e como se fará a información á poboación mediante charlas, carteis e trípticos. O paso último da implantación será a realización de simulacros, nos que se farán soar as sirenas e participarán as distintas administracións implicadas.

Por todo isto, o Alcalde considera de gran importancia a implantación do plan, que agora está pendente da instalación de sirenas para alertar á poboación e da posta en marcha dunha campaña informativa.

En concreto, o plan de emerxencias para o encoro de Baíña contén unha detallada análise de seguridade do propio encoro, do mesmo xeito que un completo informe coa zonificación territorial e análise dos riscos xerados pola rotura do dique de contención; normas de actuación e organización; e medios e recursos a activar en caso de incidente.

Entre as funcións que debe asumir o grupo de traballo está a coordinación entre as distintas administracións públicas, o establecemento dun calendario de exercicios e simulacros, a verificación do correcto funcionamento dos sistemas de aviso, e a elaboración e difusión de documentos informativos á poboación.

“O coñecemento do risco e do territorio é a base sobre a que cimentar os mecanismos de prevención, información e planificación que permita, por unha banda, a coordinación de todos os servizos implicados na resposta ante as situacións de emerxencia e a posta en marcha de campañas de información cidadá como medio máis eficaz para coñecer a forma de actuar en casa de emerxencia”, destacou Rodal.

A reunión de Baiona enmárcase dentro da rolda de visitas que Augas de Galicia está a realizar con todos os Concellos da Comunidade que teñen presas nos seus municipios do mesmo xeito que a de Baíña, como Zamáns, Eiras…

2018-05-05 - Reunión Plan de Energencias Presa Baíña Baiona (2)