A Asociación de Veciños “Castro e Ladeira” de Sabarís vai solicitar ao Concello de Baiona a creación dunha alameda e dun parque infantil de educación viaria na parroquia. “Son dous proxectos moi ilusionantes para nós, moi necesarios e de execución barata e sinxela. Ademais de que non existe ningún pola zoa”, indicou Martín Otero, presidente do colectivo.
A Asociación quere ir un pouco máis ala, despois de presentar hai uns meses un proxecto para a creación dun parque biosaudable adaptado a discapacitados, “do parque biosaudable aínda non tivemos resposta do concello, pero non nos importa, nós seguimos traballando e propondo novas ideas enriba da mesa, non nos imos a cansar”, afirma Martín.
O terreo onde se levaría a cabo, está situado entre a Rúa José Pereira Troncoso e a Avenida Foz do Miñor e conta con mais de 3000m cadrados.
Referente á alameda, dende o colectivo indican que “queremos darlle uso a unha parcela abandonada, creando un espazo de desconexión, cheo de árbores, bancos e un bo xardín, sobre todo pensando na terceira idade, queremos que sexa un espazo de encontro, algo que nos demandan os veciños continuamente”.
“Nas inmediacións existe un parque infantil, sen conservar, como tantos e tantos outros do concello, por iso quixemos ir un pouco máis alá, e, pensando agora nos máis cativos, facer un parque diferente que non existe nas inmediacións, ademais de ser educativo, un parque de educación viaria”, comentou o presidente.
Para concluír, o representante do colectivo indicou que “son dos proxectos moi bos para a parroquia, que potenciarían moito esa zona, e non son para nada custosos. Se non se levan a cabo o Concello volverá a deixar claro que non lle importa esta parroquia, e unha vez máis, e estamos seguros de que non será a última, mostrarán a súa falta de vontade”.

