O PP de Gondomar pide entendemento no bipartito para desbloquear o PXOM

O Partido Popular de Gondomar volve pedirlle ao alcalde, Paco Ferreira, e o concelleiro de Urbanismo, Antonio Araújo, que se deixen de liortas internas e que dunha vez por todas se poñan a traballar polo ben dos veciños.

“O PXOM é un documento de vital importancia para o futuro de Gondomar, e por iso necesita do consenso mais amplo posible. Non se entende que agora Paco Ferreira, en lugar de sumar apoios, propoña apartar ao actual concelleiro de Urbanismo para converterse el só en protagonista e salvador deste Plan Xeral», afirma Paula Bouzós.

“Como é posible que despois de sete meses nos que Eptisa comunicou que non seguía co PXOM, aparecera agora o informe emitido pola Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental, grazas ao cal os técnicos municipais permiten a cesión do contrato a Alfonso Botana. Isto que quere dicir, que o goberno leva tres anos sen traballar no expediente de tramitación do PXOM para non decatarse da presenza deste informe?», pregúntase Bouzós.

O Partido Popular de Gondomar quere recordar que a finais do ano 2014 foi exposto o Anteproxecto da reforma da Lei do Solo, e xa era publicamente coñecido que se estaba traballando nun novo texto normativo, sendo presentado o Proxecto da nova Lei do Solo no Parlamento de Galicia o día 15 de outubro de 2015 e que, polo tanto, o goberno local era coñecedor de que a normativa urbanística ía sufrir modificacións. Pero é máis, desde o grupo popular xa se preguntou ao concelleiro de Urbanismo na comisión de seguimento do PXOM do mes de novembro de 2015, si a nova Lei do Solo afectaría á delimitación de núcleos da que acababa de informar a súa posta en marcha, así como, si afectaría o documento do PXOM que o goberno anterior do PP presentara para a súa aprobación ao Pleno en setembro do ano 2014 e a resposta do concelleiro, nesa primeira ocasión e nas sucesivas en que foi interpelado por este asunto, foi sempre negativa, manifestaba que a nova normativa non ía afectar á situación urbanística de Gondomar.

Pois ben, o goberno municipal agora recoñece que a aprobación da nova Lei do Solo de Galicia si afecta ao novo PXOM, por canto hai que adaptar a súa tramitación ao que dispón a nova normativa e iso tradúcese en, volver empezar, e así o recoñece o propio alcalde nas redes sociais. “O Partido Popular xa denunciou no seu momento que a delimitación de núcleos non resolvía a maiores nada do que resolvería o PXOM, polo que esixiamos ao goberno local que presentase ante o Pleno o documento do PXOM que deixou listo o goberno do PP o máis axiña posible para a súa Aprobación Inicial, e sempre antes de que entrase en vigor a nova Lei. Pero non o fixeron desde o goberno local, e a consecuencia é que a nova Lei do Solo afecta tamén ao documento do PXOM. A situación actual do documento do PXOM, pendente aínda da súa aprobación inicial polo Pleno, esixe que a empresa redactora inicie todo o procedemento coa redacción dun novo documento inicial adaptado á normativa vixente. Isto é, volver empezar”.

E si a demora na tramitación do documento é unha moi mala noticia para Gondomar, non o é menos as continuas liortas entre os membros do bipartito, que en lugar de falar e acadar consensos para levar adiante proxectos importantes para a cidadanía de Gondomar, se dedican a lavar os trapos sucios nos medios de comunicación e nas redes sociais. “Lamentamos que as veciñas e veciños de Gondomar paguen co seu diñeiro a falta de xestión deste goberno que, a pesar das promesas electorais de que o PXOM estaría aprobado antes de finalizar o 2015, no canto de avanzar na súa tramitación fixéronnos retroceder ao momento de partida”.

Paula Bouzós quere agradecer ademais a boa disposición da Secretaria Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia, Encarna Rivas, por todas as facilidades que lle está a poñer ao concello para non perder a subvención de 240.000€, a pesar do retraso que leva a tramitación do PXOM.

“O PXOM debería ser un tema primordial para este goberno bipartito, como o foi para o anterior goberno do Partido Popular, que foi quen de levalo ao pleno para a súa aprobación inicial. A pesar de ser votado en contra polos demais partidos, non escatimou esforzos e ao final da lexislatura o deixou exposto ao publico, tal e como o pediran os demais partidos nun pleno”, recorda Bouzós.

“Gondomar non se merece un goberno con continuas disputas entre os seus membros, e que non fan máis que entorpecer uns aos outros os seus traballos. Nin Paco Ferreira nin Antonio Araújo demostran interese algún en querer aprobar o Plan Xeral, só miran quen o fai peor para despois criticarse mutuamente nos medios de comunicación e nas redes sociais”, critica a presidenta dos populares, que pídelle aos dous partidos do goberno (PSOE e Manifesto Miñor) que deixen a un lado as súas disputas internas e que por unha vez pensen no ben común, os beneficiados serían os veciños de Gondomar. “Si o que queren é un bo Plan Xeral en beneficio de todos, atoparán o apoio do Partido Popular de Gondomar”.