O Grupo Poético Brétema e o Concello de Nigrán homenaxean este sábado a Fina Álvarez

O Grupo Poético Brétema e o Concello de Nigrán renden homenaxe este sábado 5 de maio á poetisa Fina Álvarez Fernández, veciña de Panxón falecida hai 8 anos. Os actos consistirán no descubrimento dunha placa co seu nome por parte do alcalde e a filla na súa casa ás 19:00 horas e, posteriormente, ás 19:30 horas, haberá un festival no Auditorio Municipal que contará coa participación do coro Ecos do Castelo e integrantes do propio grupo Brétema ao que Fina pertencía.

Fina Álvarez Fernández (Nigrán, 2-08-1938/19-01-2010) naceu no seo dunha familia humilde e quedou orfa sendo unha nena. Dende moi cativa tivo especial inquietude pola lectura e polas artes en xeral, polo que xa casada e con fillos decidiu apuntarse a clases nocturnas para ampliar os seus coñecementos. Fina envorcouse na poesía, na que plasmou todos os seus sufrimentos. O seu tesón e constancia fixeron que chegase a editar libros en verso como “El pájaro” ou “El velero de mis dorados sueños” e, en teatro “Los señores de Cornavila” e “La posada el Guacamayo”. Fina formaba parte da Asociación de Artistas y Escritores Españoles en Madrid e representou á poesía galega no XII Encontro de Culturas do norte de Portugal e Galicia, ademais, participou en numerosos recitais, obras de teatro, programas de radio…

«Era unha muller autodidacta, moi prolífica e cun mérito e talento enorme, polo que merecía unha homenaxe por parte deste Concello e da veciñanza», sinala o alcalde, Juan González.