Na aprobación dos orzamentos municipais de Baiona o Bloque Nacionalista Galego solicitou que se dotara unha partida para crear unha liña de axudas ao alumnado de Bacharelato e Ciclos Formativos do Instituto de Ensino Secundario Primeiro de Marzo. O Partido Popular desestimou a proposta, sen dar solución naquel momento á problemática orixinada ao non poder cubrir estas prazas dentro dos autobuses que realizaban o transporte escolar ao alumnado do ensino obrigatorio.
No período de exposición pública dos orzamentos tres dos cinco colexios de Baiona –as ANPAS do Primeiro de Marzo xunto coas de Sabarís e Fontes- presentaron alegacións para que se crease unha subvención de 12.000 € co que sufragar parte destes gastos. De novo, foi só o BNG quen se opuxo á súa inadmisión, argumentada polo Goberno Municipal en base a que o transporte público non é competencia do Concello. “Non actuaron así cando desde a Xunta de Galicia propúxose que os concellos asumisen parte do custe do transporte metropolitano”, recordan os nacionalistas.
A contradición é aínda máis notoria se temos en conta que o BNG demandou no Parlamento de Galicia que a Xunta negocie con ATSA a instalación dunha parada de liña regular no entorno do IES Primeiro de Marzo. Con isto, os alumnos e alumnas de Bacharelato e Ciclos Formativos poderían empregar a súa tarxeta de transporte metropolitano para poder viaxar de balde todos os días. O argumento definitivo do Partido Popular foi que en ningún concello se está a subvencionar este transporte.
“É o seu modelo de xestión fronte ao do BNG. Basean as actuacións no copia e pega doutros concellos, o BNG quere que Baiona sexamos vangarda, exemplo nos servizos sociais en favor da nosa veciñanza. E pouco importa si é ou non competencia municipal, ante unha necesidade veciñal, o Concello ten a obriga de buscar solucións”.
“Paradóxicamente, tres semanas despois de esgrimir estes argumentos o Partido Popular presenta pola vía de urxencia unha moción que crea unha liña de axudas, como demandaban as ANPAS, reducindo un 50% as asignacións dos grupos municipais da Corporación. Unha vez máis o Goberno Municipal vai detrás dos movementos sociais e das demandas do BNG, unha vez máis ten que rectificar e aceptar as suxestións que rexeitaron nun primeiro momento”.
Agora, a obriga de todos os grupos políticos da Corporación é loitar porque na negociación do novo Plan de Transporte se poida acordar coa concesionaria ATSA a instauración dunha parada nas inmediacións do IES Primeiro de Marzo, co fin de que non sexa necesaria unha liña de axudas municipais e o uso da tarxeta de transporte metropolitano cubra as necesidades do alumnado.

