Gondomar relega o proxecto de aparcadoiro de autocaravanas

O proxecto da Concellería de Comercio e Turismo para a creación dun aparcadoiro de autocaravanas en Gondomar, cun orzamento de 64.000 € e elaborado para presentar ao Plan Concellos 2018 da Deputación de Pontevedra, foi excluído pola Alcaldía.

Xosé Antón Araúxo considera que Gondomar é un lugar ideal para acoller un aparcadoiro de autocaravanas, opinión que apoia a Asociación Galega de Autocaravanas, “ten un lugar preto do centro da vila, da Policía e dunha área fermosa como o Parque da Coelleira”.

Segundo o concelleiro, co aparcadoiro poderíase completar a oferta turística da comarca do Val Miñor, que carece deste tipo de infraestruturas, e sería complementaria a outras interesantes ofertas turísticas que se fan nos concellos limítrofes. “Mesmo seriamos un referente en todo o sur da provincia de Pontevedra, sen alternativas que puidesen concorrer con Gondomar”.

Araúxo destaca ademais que cada autocaravana consome un mínimo de 100 € no comercio local, en restaurantes, supermercados, farmacias, etc., e trátase dun perfil de viaxeiro respectuoso coa natureza e a contorna e de clase media alta. Galicia conta con preto de 7.000 autocaravanas rexistradas, cun crecemento anual do 20%, que aumenta ata os 45.000 se falamos de toda España.

Como exemplo da dinamización económica que xera o sector das autocaravanas pon o Concello de Foz, no que os viaxeiros xuntaron todos os tickets de compras feitas durante un fin de semana e a suma alcanzaba os 7.800 €, aínda que non puideron computar o 40% das compras por falta dos comprobantes.

Pola súa banda, o alcalde, Paco Ferreira, esgrime o seu rexeitamento ao proxecto na falta de consenso sobre a súa localización e sobre todo polas súas características técnicas. Cualifica a proposta de aberración ambiental e aínda que sería unha boa opción para o municipio, “baixo ningún concepto construirémolo no Parque da Coelleira”.

Segundo Ferreira eliminaría zona verde e un campo de bolos celta para colocar no seu lugar unha chaira de formigón cunha zona habilitada para lavar caravanas, ademais das acometidas para o baleirado dos depósitos de augas fecais, que irían conectadas a fosas sépticas e non á rede de saneamento. «Se temos en conta que a zona está catalogada como terreo inundable, non quero pensar no desenlace despois dunha boa crecida do río».

O rexedor, que sinalou ademais que Araúxo puxo o proxecto encima da súa mesa dous días antes de finalizar o prazo de presentación, mostra a súa disposición para levalo a cabo nunha zona menos sensible á proposta. «O antigo matadoiro, a escasos metros, rehabilitouse mediante un informe de patrimonio, situaríase moi preto do río Miñor, pegado a un parque infantil e moi preto da ponte, mentres eu sexa alcalde non construiremos un aparcadoiro de caravanas aí”.

Melloras na Praza de Abastos

O Concelleiro de Comercio e Turismo tamén lamenta que a Alcaldía tampouco recolleu o proxecto para a ordenación e mellora de servizos na Praza de Abastos, como instalacións eléctricas, luminotecnia, auga sanitaria ou saneamento.