Anuncios
Ticker de novas

O PP esixe a Carmela Silva que aclare onde están os 90 millóns para paliar os danos dos incendios

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA // Carmela Silva en Baiona.

A deputada provincial do Partido Popular, Belén Villar, lamenta que a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, non aproveitase a súa presenza en MasterChef, que rendeu en Baiona unha homenaxe aos afectados polos incendios, para explicar ao resto de comensais “a estafa mediática das axudas de 90 millóns de euros que ela mesma prometeu e das que ninguén sabe nada”.

“Seguimos esperando a que nos aclaren onde están os 90 millóns de euros que ían repartir entre os concellos afectados, pero como sempre, Carmela Silva está máis interesada na súa presenza mediática que en dar conta da súa nefasta xestión”, critica a deputada popular. Apunta Villar que “está moi ben que queira saír nas televisións nacionais e ter moita presenza mediática, pero ten que recordar que a súa principal obriga como presidenta dunha institución é xestionar e cumprir os compromisos que acada”.

Por iso, os populares esixen que aclare xa, despois de seis meses, onde están as axudas comprometidas. “Apareceu en MasterChef como a salvagarda dos incendios, pero o certo é que non sabemos de ningún concello que puidera acollerse a esa liña de axudas que anunciou a bombo e platillo. Esperamos que aproveitara a xuntanza con moitos dos afectados polo terrorismo incendiario para explicarlles por que non van a recibir nin un só euro da Deputación”, engade.

Villar lamenta que cando todas as administracións deberían ter traballado de forma conxunta e coordinada para axudar aos concellos, sexa precisamente a Deputación, a administración que se supón máis próxima aos concellos, a que estea restando. “O único que fixo o goberno de Carmela Silva foi un anuncio para quedar ben, nin no seu momento se atreveron a reunirse cos alcaldes e explicarlle de onde ían saír os 90 millóns dos que falaban, nin agora son capaces de explicarlles que todo foi unha operación de maquillaxe. É máis, Carmela Silva xa recoñeceu no pleno de febreiro que ía arquivar as axudas nun caixón”.

Para o PP “vólvese poñer de manifesto que Carmela Silva desgoberna a golpe de impulsos mediáticos con medidas anunciadas a bombo e platillo que non teñen tradución práctica e deixan aos concellos aos pés dos cabalos”.

Neste sentido Belén Villar sinala que “está claro que no desgoberno de Carmela Silva o tempo dá e quita razóns e cando o PP dicía que era unha tomadura de pelo para os concellos afectados polos incendios tiñamos, por desgraza, a razón. Aquilo foi un brinde ao sol cos cartos dos concellos e sen importarlles nada que non tivera plasmación práctica só buscaba o impacto mediático ante unha sociedade e unha opinión pública moi sensibilizada co momento tan grave que se estaba a vivir por mor do terrorismo incendiario”.

Para o PP, “Carmela Silva volve a enganar aos concellos e aos cidadáns da provincia de Pontevedra que ven como non hai ningún tipo de criterio nin capacidade de xestionar situacións de crise nin sequera cumprir a súa palabra dada e respectar os seus compromisos diante da cidadanía e dos concellos afectados”.

Anuncios