O Club Ciclista Rías Baixas aspira ao máximo con Galarreta este martes na Santikutz Klasika

A Copa de España 2018 entra no seu terzo final este martes, 1 de maio, coa disputa da 85ª edición da Santikutz Klasika. Na liña de saída de Legazpi o Club Ciclista Rías Baixas presentarase liderado por David Galarreta. O estado de forma do ex profesional cántabro fai soñar ao proxecto presidido por José Luis Chamorro cun resultado histórico en terras guipuscoanas.

Décimo terceiro na clasificación xeral da Copa de España, o xefe de filas do conxunto do Val Miñor mantivo opcións de vitoria ata o final nas dúas últimas citas puntuables, a Clásica Cidade de Torredonjimeno e o Ridley-Memorial Pascual Momparler. O perfil da Santikutz Klasika, con oito portos puntuables, vai como anel ao dedo.

A partir das 09:30 horas, Galarreta afrontará os 147 quilómetros da sétima e antepenúltima xornada do certame estatal acompañado por un potente bloque de escaladores. Ignacio Zamanillo e Adrián Escobar chegan a Legazpi despois de asinar unha notable actuación durante o fin de semana na Bizkaia 3E. Xunto a eles estarán Rafael Pereira, Antonio Barbero, Cristian Cuervo e a última fichaxe da formación dirixida por Iván Rodríguez, o surafricano Eddie Van Heerden.

O Club Ciclista Rías Baixas retoma a Copa de España tras competir en varias frontes durante os últimos días. O resultado máis destacado obtívoo Antonio ‘Chava’ Angulo que o pasado sábado obtivo a terceira posición no Trofeo Santiago celebrado na provincia de Palencia. Ademais, Francesc Zurita terminou noveno no barcelonés GP Odena e o mesmo posto ocupou Óscar Xusto no II GP Rogelio Acuña – Cidade de Pontevedra.

Por outra banda, o valenciano Sergio Rodríguez defenderá tamén este martes as cores da estrutura miñorana en Aldaya.

Anuncios