
Máxima emoción no Campionato de España da Clase J80 que se celebra estes días en Baiona e que viviu este luns a súa terceira e penúltima xornada marcado por unha gran rivalidade na auga, coas tripulacións dando o máximo de si para facerse co gran premio estatal.
Tras as malas condicións climatolóxicas rexistradas na segunda xornada, con moita choiva e mar revolto, o día amenceu hoxe asollado pero moi escaso de vento á hora prevista para o inicio da xornada, o que provocou varios aprazamentos antes de poder dar as saídas ás tres probas que finalmente se celebraron.
Entre a frota, moita irregularidade e postos moi dispares nas mangas disputadas. Non houbo un claro protagonista, e si moitos envorcos na clasificación provisional, que deixaron moi aberto o podio para a xornada final que se disputará mañá martes.
Os cántabros do Maui Jim Sunglasses, liderados por Javier Aguado, e lucindo grímpola do Real Club Marítimo de Santander, levantáronse á primeira posición do campionato desbancando aos vascos do AD Grupo Garatu, que caeron ao quinto posto. “Gústanos vernos na cabeza e trataremos de xogar ben as nosas cartas para a final, pero aínda quedan probas e todo está moi rifado” asegurou Aguado tras verse gañador.
O líder do Maui Jim atopou complicados os roles de vento rexistrados hoxe na baía de Baiona, algo que tamén sufriu o galego Javier de la Gándara co seu Okofen. Tras cruzar primeiro a liña de chegada na primeira proba, sufriu dous roles malos que lle impediron lograr os resultados que esperaba. “É unha frota moi forte, moi competitiva, -di Gándara-, e cando o vento baixa, compáctase e complícase a navegación”.
O equipo galego vai terceiro por detrás do Mercury do olímpico Jaime Piris; e empatado a puntos co cuarto clasificado, que é La Gallofa de Jesús Amaliach, ambos os dous do Real Club Marítimo de Santander.
Así as cousas, a frota cántabra está a ser, polo momento, a máis forte do nacional de J80 que se disputa en Baiona, con tres barcos coados no Top Five, dous deles co ouro e a prata provisionais.
A competición finaliza mañá martes coas últimas probas do campionato, nunha xornada na que volverán saír á auga o resto de barcos que participan no Trofeo Repsol, tanto das clases ORC (cruceiro-regata, cruceiro e a dous) como da clase Fígaro. O punto final poñerao a entrega de premios aos gañadores que se celebrará ás catro da tarde nas instalacións do Monte Real Club de Yates, que exerce de anfitrión e organizador.
TROFEO REPSOL • CLASIFICACIÓN PROVISIONAL TRAS A 3ª XORNADA
CAMPIONATO DE ESPAÑA CLASE J80
- MAUI JIM SUNGLASSES • JAVIER AGUADO • RCM SANTANDER
- MERCURY • JAIME PIRIS • RCM SANTANDER
- OKOFEN • JAVIER DE LA GÁNDARA • MONTE REAL CLUB DE YATES
O resto de frota descansou nesta terceira xornada polo que as súas clasificacións mantéñense idénticas a espera do que suceda mañá martes na última xornada:
TROFEO REPSOL • CLASE CRUCEIRO REGATA
- BOSCH SERVICE SOLUTIONS • SANTIAGO ESTEVEZ • CM CANIDO
- ORAL GROUP GALIMPLANT • PEDRO PAZOS • RCN SANXENXO
- YOUKOUNKOUN • EDUARDO SEGADE • CN PORTONOVO
TROFEO REPSOL • CLASE CRUCEIRO
- BALEA DOUS • LUIS PÉREZ • RCN RODEIRA
- FEND LA BISE • JEAN CLAUDE SARRADE • MONTE REAL CLUB DE YATES
- ALBARELLOS • FERNANDO REY • CN PORTONOVO
TROFEO REPSOL • CLASE A2
- SALAÑO • JACOBO VECINO/BRENDA MAURE • RCN VIGO
- Q TALENTO CONSULTORES • JAVIER REY/JORGE JUSTO • MONTE REAL CLUB DE YATES
- AY CARMELA • JUAN MARTINEZ-PAZO/RAFAEL MARTINEZ-ALMEIDA • CN PORTONOVO
TROFEO REPSOL • CLASE J70
- NOTICIA • JOSÉ MARÍA TORCIDA • RCM SANTANDER
- MARINA RUBICÓN • ALFREDO GONZÁLEZ • CD TÉCNICA Y REGATAS
- MARNATURA • LUIS BUGALLO • RCN VIGO
TROFEO REPSOL • CLASE FÍGARO
- SERRALLEIRAS • ELENA RAGA • MONTE REAL CLUB DE YATES
- ERIZANA • ALBERTO IGLESIAS • MONTE REAL CLUB DE YATES
- TUTATIS • OCTAVIO VILLALBA • MONTE REAL CLUB DE YATES