Brillante comezo dos vascos do AD Grupo Garatu no nacional de J80

FOTO: ROSANA CALVO // Os vascos do AD Garatu foron sen dúbida os mellores do Campionato de España J80.

Empezou con forza a cuadraxésimo primeira edición da tradicional Regata de Primavera do Monte Real Club de Yates, que este ano volve ser Trofeo Repsol e acolle o Campionato de España da clase J80.

Na primeira xornada de probas polo título nacional, celebrada este sábado en Baiona, os aspirantes ao cetro dos monotipos J80 disputáronse tres mangas no interior da baía baionesa. Fixérono con moi boas condicións, nun día de pouca nebulosidade cun vento do noroeste que se mantivo estable e sempre por encima dos 12 nós, chegando mesmo aos 15 por momentos.

Os vascos do AD Grupo Garatu, armado por Juan Vázquez, foron os protagonistas do día, cunha actuación brillante en todas as probas. Con Iker Almandoz á cana, o veleiro tripulado por Íñigo Jáuregui, Íñigo Sánchez e Borja Ponche, asinou tres primeiros postos nos tres percorridos e colocouse líder da clasificación.

En segunda posición situouse outro dos favoritos para facerse co campionato, o Maui Jim Sunglasses de Javier Aguado. Os menorquines, con aspiracións a revalidar o título que lograron en 2016, empezaron algo frouxos, cun cuarto posto na primeira proba, pero lograron remontar as seguintes e con dous segundos apropiáronse da prata provisional.

Pecha o caixón do podio provisional a tripulación galega do Okofen, liderada polo histórico Javier de la Gándara. Lucindo grímpola do club organizador, Gándara e os seus demostraron por que foron o mellor equipo galego de J80 na pasada tempada.

Ademais dos J80 que se disputan o Campionato de España da clase, no Trofeo Repsol deste 2018 participan cruceiros, fígaros e J70s, e todos saíron á auga nesta primeira xornada de competición. Para os primeiros, o comité de regata deseñou un percorrido de algo máis de 13 millas pola ría de Vigo, que estivo moi disputado nas clases de cruceiro-regata e cruceiro.

O Oral Group Galimplant do Real Club Náutico de Sanxenxo, patroneado por Pedro Pazos, venceu nesta primeira xornada por uns 7 escasos segundos que logrou arrebatarlle ao Bosch Service Solutions do Club Marítimo de Canido, que vai segundo na xeral da clase cruceiro-regata. Un dos barcos que prometía dar guerra na competición, o MBA Atlántico de Rui Ramada, tivo que retirarse ao pouco de empezar por un problema que sufriu entre as balizas de Carallones e A Negra.

Na clase cruceiro, o liderado é para o Fend la Bise de Jean Claude Sarrade, do Monte Real Club de Yates; ao que lle segue moi de preto un dos seus maiores competidores, o Balea Dous de Luis Pérez, do Real Club Náutico de Rodeira.

Na clase A Dous, tras unha espectacular saída e inicio de percorrido, o Menudeta de Victor Carrión e Ana Sardiña tivo que retirarse da proba por un problema co spy, deixando ao Salaño Dos de Jacobo Veciño e Brenda Maure e o Q Talento de Javier Rey e Jorge Justo en pugna polo primeiro posto. Finalmente foi o Salaño o que se colocou no máis alto do podio provisional.

Na clase Fígaro, que tamén completou un percorrido costeiro dunhas 13 millas, a vitoria da xornada foi para o Serralleiras de Elena Raga. O Erizana patroneado por Alberto Iglesias e o Silleiro de José García de Miguel, van segundo e terceiro respectivamente.

E na competición dos J70, que se desenvolveu no fondeadoiro das Illas Cíes, a clasificación provisional quedou moi rifada, cos catro primeiros barcos separados por apenas un punto de diferenza. O Marnatura de José Luis Freire, patroneado polo mozo Luis Bugallo, vai na cabeza con 8 puntos. Séguelle o Marina Rubicón de Alfredo González, con 9; e pecha o podio provisional o Joy Full de Denis Cherevalenko, chegado de Tallin, con 10.

O Trofeo Repsol continúa mañá domingo en Baiona coa segunda xornada de probas nun horario máis madrugador. Ás once da mañá darase o bocinazo de saída, no interior da baía de Baiona, á primeira das tres mangas programadas no Campionato de España de J80. Unha hora máis tarde, ás doce do mediodía, empezarán as probas dos J70 no fondeadoiro das Illas Cíes; e á unha será a quenda dos cruceiros e os fígaros, que volverán disputarse un percorrido costeiro polas Rías Baixas. Xa pola tarde, unha vez finalizada a competición na auga, o Monte Real Club de Yates ofrecerá ás tripulacións que participan no Trofeo Repsol unha cea mariñeira e unha degustación de cervexas e gintonics.

TROFEO REPSOL • CLASIFICACIÓN PROVISIONAL TRAS A 1ª XORNADA (28/04/18)

CAMPIONATO DE ESPAÑA CLASE J80

  1. AD GRUPO GARATU • IKER ALMANDOZ • AD GARATU
  2. MAUI JIM SUNGLASSES • JAVIER AGUADO • INDEPENDIENTE
  3. OKOFEN • JAVIER DE LA GÁNDARA • MONTE REAL CLUB DE YATES

TROFEO REPSOL • CLASE CRUCEIRO REGATA

  1. ORAL GROUP GALIMPLANT • PEDRO PAZOS • RCN SANXENXO
  2. BOSCH SERVICE SOLUTIONS • SANTIAGO ESTEVEZ • CM CANIDO
  3. YOUKOUNKOUN • EDUARDO SEGADE • CN PORTONOVO

TROFEO REPSOL • CLASE CRUCEIRO

  1. FEND LA BISE • JEAN CLAUDE SARRADE • MONTE REAL CLUB DE YATES
  2. BALEA DOUS • LUIS PÉREZ • REAL CLUB NAUTICO DE RODEIRA
  3. ALBARELLOS • FERNANDO REY • CN PORTONOVO

TROFEO REPSOL • CLASE A2

  1. SALAÑO DOS • JACOBO VECINO / BRENDA MAURE • RCN VIGO
  2. QTALENTO CONSULTORES • JAVIER REY/ JORGE JUSTO • MONTE REAL CLUB DE YATES
  3. AY CARMELA • JUAN MARTINEZ – PAZO / RAFAEL MARTINEZ-ALMEIDA • LM BOUZAS

TROFEO REPSOL • CLASE J80

  1. AD GRUPO GARATU • IKER ALMANDOZ • AD GARATU
  2. MAUI JIM SUNGLASSES • JAVIER AGUADO • INDEPENDIENTE
  3. OKOFEN • JAVIER DE LA GÁNDARA • MONTE REAL

TROFEO REPSOL • CLASE J70

  1. MARNATURA • LUIS BUGALLO • RCN VIGO
  2. MARINA RUBICÓN • ALFREDO GONZÁLEZ • CD TECNICA Y REGATAS
  3. JOY FULL • DENIS CHEREVALENKO • DC TALLIN

TROFEO REPSOL • CLASE FÍGARO

  1. SERRALLEIRAS • ELENA RAGA • MONTE REAL CLUB DE YATES
  2. ERIZANA • ALBERTO IGLESIAS • MONTE REAL CLUB DE YATES
  3. SILLEIRO • JOSE GARCÍA DE MIGUEL • MONTE REAL CLUB DE YATES