A Garda Civil do Posto Principal de Baiona-Nigrán investigou penalmente a un veciño do municipio de Baiona como presunto autor dun delito de incendio forestal debido, supostamente, ao non tomar as medidas de precaución necesarias nunha queima de restrollos.
O incendio ocorreu durante a tarde do pasado mércores nun terreo forestal do lugar de Súas Torres, da parroquia de Baredo, no municipio de Baiona e, segundo as primeiras investigacións, todo apunta a que o lume se orixinou como consecuencia de non adoptar as medidas de precaución necesarias nunha queima que se realizou o día anterior nunha parcela do mesmo monte.
A rápida intervención dos medios de extinción permitiu que tan só se queimase unha pequena superficie de monte baixo e arboledo. Nos labores de extinción participaron os reténs de incendios de Mougás, Redondela, Oia e O Porriño, xunto co axente forestal da Zona, unha patrulla do Seprona do Porriño, a Policía Local e efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán
As dilixencias instruídas foron entregadas no Xulgado de Instrución de Vigo onde deberá comparecer o investigado cando sexa requirido.
O SEPRONA (Servizo de Protección da Natureza) da Garda Civil lembra que, segundo determina a normativa vixente na comunidade autónoma de Galicia, para realizar traballos en terreos agrícolas, terreos forestais e zonas de influencia forestal, nos que sexa imprescindible facer uso do lume, e sempre fóra de perigo alto de incendios, será obrigatorio dispoñer da correspondente comunicación ou autorización de queima, segundo sexan restos agrícolas ou forestais, respectivamente.

