Gondomar limpa as estradas e camiños do municipio «sen herbicidas nin glifosato»

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR // Limpeza e roza de estradas e camiños.

O Concello de Gondomar vén de iniciar a limpeza de cunetas e roza de estradas e camiños do municipio. Os traballos comezaron en Couso e realizaranse progresivamente en todas as parroquias. Dúas brigadas de Vías e Obras son as encargadas de retirar a maleza, sen utilizar herbicidas nin glifosato.

As brigadas están compostas por catro operarios municipais cada unha, sete deles contratados recentemente grazas ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, e traballarán en quenda de mañá ata completar a roza e limpeza dos camiños e estradas de todas as parroquias do municipio. Segundo avanzou o concelleiro de Vías Obras, Jose Manuel Chamorro, desde a próxima semana un dos operarios traballará tamén pola tarde co tractor equipado con rozadora.

“A pleno rendemento a brigada municipal traballa a reo na limpeza de estradas sen usar herbicidas nin glifosato, como ten que ser, a pesar de que Gondomar é un concello de 75 quilómetros cadrados, máis grande que Baiona e Nigrán xuntos”, comentou o alcalde, Paco Ferreira, motivo polo que os traballos se prolongarán durante meses.

Xornada de divulgación sobre os herbicidas

O Concello de Gondomar organiza o vindeiro mércores 2 de maio ás 20:00 horas no Centro Neural unha xornada divulgativa sobre as consecuencias do uso e abuso de herbicidas e pesticidas. Contará co relatores Dr. Carlos Spuch Calvar, Neurocientífico, Coordinador da Rede Galega de Investigación en Demencias, Instituto de Investigación Sanitaria Sur, e Francisco Javier Rodríguez Penedo, Secretario da Asociación Criadores de Aves Exóticas de Galicia (ACAE-Galicia).

Anuncios