Anuncios
Ticker de novas

Baiona colabora con COGAMI para acoller a persoas con discapacidade en prácticas

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // O alcalde recibiu ao usuario de COGAMI que fará as súas prácticas no aparcadoiro do Aral.

O Concello de Baiona colabora coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) para acoller en prácticas a un dos usuarios da confederación. Concretamente, trátase dun dos alumnos do Curso de Auxiliar de Servizos que desenvolverá as 50 horas destinadas á práctica do plan de estudo no aparcadoiro do Aral, xestionado polo Concello de Baiona.

O Alcalde, Ángel Rodal, o Concelleiro de Urbanismo e Infraestruturas, José Ángel Bahamonde, encargado da xestión do aparcadoiro, e o Concelleiro de Vías e Obras, Daniel García, deron a benvida ao alumno ao servizo municipal.

“Estas prácticas permitiranlle adquirir habilidades e experiencia no traballo e tarefas propias do funcionamento do día a día do aparcadoiro relacionadas directamente coa materia impartida no curso. O obxectivo da colaboración entre o Concello e a Confederación é dar continuidade á formación que recibiu na confederación e cuxo fin último é fomentar a integración laboral das persoas con discapacidade”, destacou Rodal.

A práctica proporciónalle ao alumno as destrezas profesionais que lle permitan un rendemento competitivo no mercado de traballo, co fin de conseguir a plena participación social e laboral.

Esta colaboración vén fortalecer a sinerxia entre COGAMI e o Concello de Baiona, que ten unha gran predisposición e un compromiso firme na inclusión das persoas con discapacidade. A idea é seguir estreitando a colaboración entre a institución e a confederación.

O Concello de Baiona vén demostrando de maneira continuada a súa aposta coas persoas con discapacidade, apoiando diferentes actuacións a favor das mesmas tanto no ámbito laboral, como noutros moitos.

Anuncios