Anuncios
Ticker de novas

A Escudería Rías Baixas organiza unha nova charla sobre a Seguridade nos Rallyes

FOTO: ESCUDERÍA RÍAS BAIXAS // Charla sobre seguridade en Salceda de Caselas.

A Biblioteca Municipal de Mondariz acollerá este sábado unha charla coloquio sobre a Seguridade nos Rallyes. A organiza a Escudería Rías Baixas dentro dos actos previos á disputa do 52 Rallye Recalvi Rías Baixas, terceira proba puntuable do Campionato Galego de Rallyes que se celebrará o 11 e 12 de maio polas estradas do sur da provincia de Pontevedra.

O regreso do “Rías” está a xerar unha enorme expectación tanto entre os pilotos, que cubriron as 150 prazas nos dous primeiros días do prazo, como entre os afeccionados que esperan impacientes a disputa da proba. Por todo iso, a Escudería Rías Baixas quere volver facer fincapé na importancia de que os que acudan aos tramos cumpran coas normas de seguridade. Para iso, contará unha vez máis coa colaboración de varios pilotos que tomarán a saída no rallye. Como xa fixeron o pasado sábado en Salceda de Caselas, Alberto Meira, Pablo Pazó, Jorge Pérez e José Martínez tomarán a palabra para lembrar aos afeccionados o perigo que supón seguir a proba desde lugares prohibidos.

Para facer do Rías un rallye seguro a organización recomenda chegar aos tramos con tempo suficiente para aparcar o coche correctamente e situarse en sitios elevados, evitando as zonas potencialmente perigosas.

“As zonas marcadas con cinta ou carteis vermellos son lugares prohibidos para o público, tanto diante como detrás dela”, lembra o presidente da Escudería Rías Baixas. Fernando Mouriño incide na importancia de deixar libres os accesos e ou vías de evacuación de ambulancias, de respectar o medio ambiente e a propiedade privada e sobre todo, de seguir e respectar as instrucións de voluntarios e organizadores “porque sen eles non sería posible a celebración deste deporte”.

A charla coloquio sobre a seguridade nos rallyes comezará ás 18:00 horas.

Anuncios