Un alumno do CPI Cova Terreña gaña o Concurso de Deseño #Enreda na Rede

Rodrigo González Rouco, do CPI Cova Terreña de Baiona, resultou gañador do Concurso de Deseño #Enreda na Rede, organizado pola Fundación Barrié e a Asociación Arela, dentro do seu Programa Katorce-18. O alumno de 4º de ESO creou o slogan “Pensa antes de enviar…” e unha representación gráfica que o acompaña sobre o bo uso das redes sociais entre adolescentes, participando neste concurso a través do centro dentro da materia operativa de Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).

O premio consiste nunha tirada de camisetas para a aula á que pertence o alumno. Ademais, o traballo gañador publicarase en formato en liña na web da Fundación Barrié e da Asociación Arela así como nas canles habituais de difusión de ambas as dúas entidades. Do mesmo xeito, poderá ser exposto en actividades e eventos vinculados ao Programa Katorce-18. A entrega do premio celebrarase nunha das sedes da Fundación Barrié (A Coruña ou Vigo) antes do 20 de xuño.

O Concurso de Deseño #Enreda na Rede ten o obxectivo de fomentar o debate na aula sobre o uso das novas tecnoloxías, e de que os estudantes reflexionen sobre a utilización das redes sociais, achegando a súa visión persoal. Está dirixido ao alumnado matriculado durante o curso 2017-2018 en centros educativos de Galicia en Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional Básica e Ciclos Medios de Formación Profesional.

2018-04-25 - panelWhatsapp