O goberno de Nigrán leva ao pleno de mañá o orzamento deste ano e a proposta de cesión do PXOM

O Concello de Nigrán celebra mañá xoves 26 de abril ás 20:00 horas un dos seus plenos máis transcendentais dos últimos meses ao levar o goberno senllas mocións para a cesión do contrato de redacción do PXOM e a aprobación do orzamento 2018, pactado con UCN e BNG. «Trátase dun pleno transcendental porque del dependerá que Nigrán siga a paso firme coa tramitación do PXOM ou que este quede nun caixón», sinala o alcalde, Juan González.

O goberno considera que a cesión é a única vía posible para garantir a aprobación do documento despois de que Eptisa renunciase a favor da empresa formada polo seu director Alfonso Botana e o equipo técnico tras prescindir da sección de planeamento (a nova orientación empresarial de Eptisa afectou á tramitación do PXOM en 17 concellos de Galicia). «O goberno de Nigrán sempre deixou clara a súa firme aposta pola aprobación deste documento e imos a cumprir. Ou hai unha cesión ou este cae nun precipicio inasumible tras 25 anos de tramitación e seis corporacións diferentes. Estamos a falar de que coa cesión pode estar aprobado nun ano ou de volver ao inicio de todo e cunha incerteza absoluta. Como goberno actuamos consecuentemente polo ben da veciñanza e pedimos a mesma responsabilidade ao resto da corporación», sinala o rexedor, quen recorda que o plan se atopa nunha fase moi avanzada, con 1.397 alegacións xa resoltas provisionalmente e que poden ser consultadas polos veciños en Urbanismo.

Orzamento

Por outra banda, o goberno de Nigrán levará novamente a pleno o orzamento de 2018 tras acadar un acordo formal con BNG e UCN que garantirá a súa aprobación. Este acordo alcanzado con UCN e BNG prodúcese tras incorporar o goberno outras novas achegas realizadas por ambos os dous grupos e deixar garantido o cumprimento de compromisos clave asumidos en Pleno por toda a corporación, como a construción da nova biblioteca, a mellora da dotación do GES a través de aumentar a contía á Mancomunidade ou o pago a CESPA dos atrasos acumulados dende 2013 (136.481 €). “Presentamos de novo as contas porque estes dous partidos da oposición demostraron que sitúan o benestar dos veciños por riba de calquera interese partidista. É un documento que empezamos a negociar en outubro con toda a corporación e que, consideramos, recolle os verdadeiros intereses da veciñanza. É o mellor orzamento que pode ter Nigrán xa que nos permitirán realizar investimentos moi necesarios en tódalas parroquias”, sinala o alcalde.