O espectáculo “Son Galego, Son Cubano” de Roi Casal chegará a Baiona o Día das Letras Galegas

A Concellería de Cultura do Concello de Baiona aposta pola música como ponte de unión entre Galicia e América, máis concretamente con Cuba, con motivo da celebración da efeméride do 525 aniversario da Arribada da Carabela Pinta.

A Praza do Concello de Baiona acollerá o xoves 17 de maio, Día das Letras Galegas, a partir das 20:00 horas, o gran espectáculo musical entre Galicia e Cuba: “Son Galego, Son Cubano” de Roi Casal.

Non habería mellor lugar para acoller este espectáculo que a Real Vila de Baiona, lugar que tivo o privilexio de ser a primeira en coñecer a noticia do Descubrimento de América, o primeiro lugar do vello mundo no que se creou o nexo de unión entre Europa e América.

Un show inesquecible con letras de Neira Vilas e a posta en escena dos mellores músicos de ambos os dous países, que foi visto en directo por máis de 50.000 persoas na xira de 2016. O gran espectáculo musical foi presentado no Gran Teatro da Habana (Palacio do Centro Galego) no mes de maio dese mesmo ano con dous memorables concertos.

Roi Casal traballou conxuntamente neste espectáculo con Neira Vilas ata o falecemento deste último en novembro de 2015. A xira é considerada unha fermosa homenaxe ao propio escritor e á emigración galega en Cuba, onde residiu 31 anos da súa vida para deixar rexistrada en varias das súas obras a incrible epopea dos galegos na illa caribeña.

Precisamente, as cancións que forman parte do espectáculo recollen parte desta epopea, un dos principais destinos da emigración. A través da música, lémbrase que fixeron os galegos en Cuba e en que medida contribuíron a Galicia desde alí. E é que xustamente na Habana naceron varios dos símbolos da identidade galega, como o himno, a bandeira e a Real Academia.

Baioneses e visitantes poderán gozar de forma gratuíta de ritmos cubanos con matices galegos interpretados por Roi Casal e o seu grupo. Unha música tipicamente cubana con letra do noso galego universal, Xosé Neira Vilas.