Nigrán ofrece un curso de inglés gratuíto destinado a traballadores do sector turístico

O Concello de Nigrán ofrece un curso de inglés gratuíto destinado a veciños do municipio que traballen directa ou indirectamente para o sector turístico no comercio local. Trátase dun curso de 20 horas repartido en catro xornadas de 5 horas do mes de maio (9, 10, 16 e 17 de maio) en senllos grupos de 15 persoas. Este será impartido polo escocés especialista en turismo Mark Auchinocloss no Centro Antena de Nigrán (Otero Pedrayo, 52). Os interesados poden matricularse dende o 25 de abril ao 4 de maio na Oficina de Información Cidadá do Concello de Nigrán de 9:00 a 14:00 horas.

O obxectivo do curso é mellorar a calidade do servizo que prestan facilitando que os participantes se desenvolvan correctamente en inglés á hora de, por exemplo, atender unha mesa, facer unha reserva, informar sobre direccións, asesorar nunha reclamación… Prestarase especial atención aos contidos informativos do Camiño Portugués pola Costa ao seu paso por Nigrán, xa que se trata dun itinerario con cada vez máis peregrinos.

Mark Auchinocloss, fundador de English Resource Centre en Baiona, está afincado no Val Miñor dende que hai 8 anos deixou Londres. Especialista en turismo e gran divulgador do Camiño Portugués pola Costa, Auchinocloss será o encargado de impartir a docencia.