Coalición Son leva ao pleno da Deputación a creación dun parque de bombeiros no Val Miñor

Un novo parque de bombeiros na comarca do Val Miñor, é a iniciativa popular que Xosé Lois Jácome, da Coalición Son leva ao pleno da Deputación de Pontevedra este vindeiro venres.

Jácome xustifica esta petición atendendo non só ás zonas de sombra, senón á poboación da bisbarra miñorana; case 40.000 habitantes que poden chegar a picos de poboación dos 120.000 en época estival. Galicia, apunta o deputado, “caracterízase pola súa dispersión territorial e a zona do Val Miñor supón un territorio de máis de 145 km2.”. Á masa de poboación súmaselle polígonos industriais da comarca como o Porto do Molle ou a Pasaxe.

Coalición Son entende que unha comarca coma a do Val Miñor non pode continuar atendida por Grupos de Emerxencias Supramunicipais, pois estes están infradotados, e aínda que contan co apoio do parque comarcal de bombeiros de O Porriño, a situación actual da base supón que os tempos de resposta sexan superiores aos adecuados.

Está demostrado polo persoal contra incendios e salvamento que dende O Porriño ata certas aldeas de Baiona poden tardar ata 45 minutos sen tráfico; Jácome advirte da recomendación europea respecto ao tempo máximo de resposta de emerxencias, que é 20 minutos e non máis do dobre.

Dende a Coalición Son resaltan que actualmente varias vilas da provincia que teñen numerosas zonas de sombra non están sendo atendidas como as principais urbes; o que supón que o trato á veciñanza é de segunda “pois só hai que comparar os servizos dos que dispón o Concello de Vigo, con 21 persoas por quenda e intervencións por debaixo dos 10 minutos, algo moi lonxe de cumprir na comarca do Val Miñor con quendas de 3 persoas no parque de O Porriño e tempos de resposta que poden chegar no peor dos casos aos 45 minutos”.

O venres, Xosé Lois Jácome eleva a plena a petición da comarca do Val Miñor, que solicitan á Deputación de Pontevedra o apoio á creación dun parque de bombeiros de xestión pública e directa e onde ademais integren ao actual persoal do Grupo de Emerxencias Supramunicipal da Mancomunidade.

Ademais, tamén se pedirá que a Deputación inste a todos os grupos políticos do Parlamento de Galicia a que asuman dita iniciativa.