Sin categoría

O VI Desafío Talaso Atlántico celebrarase este ano o 24 de setembro

O VI Desafío Talaso Atlántico terá lugar o vindeiro domingo, 24 de setembro e as inscricións para participar nesta proba ciclista, organizada polo Club Team Oiense Turonia Maglia e o Hotel Talaso Atántico, xa están abertas.

Trátase dunha proba que discorre entre as comarcas do Baixo Miño e Val Miñor, aberta a afeccionados e profesionais, que inclúe un tramo cronometrado de 17 quilómetros, entre o Mosteiro de Oia e o Alto da Groba. O Desafío Talaso Atlántico discorre ademais pola estrada Baiona-A Guarda, unha das zonas da Rías Baixas, máis transitadas polos ciclistas.

Os participantes poden inscribirse ata o 21 de setembro ás 20.00 horas e poderano facer por WhatsApp no teléfono 662 065 171 ou no mail ciclismooiense@gmail.com. A inscrición para federados é de 12 euros, de 17 para os que teñan carné de ciclista ou licenza de tríatlon, e de 22 para os non federados (10 euros destínanse á licenza dun día na Federación Galega de Ciclismo). Os primeiros clasificados en cada década de idade, desde os 20 aos 80 anos, recibirán un bono do Hotel Talaso Atlántico que inclúe aloxamento, almorzo e percorrido mariño de talasoterapia. Os segundos e terceiros mellores de cada idade recibirán un percorrido de talasoterapia. Tamén haberá un sorteo entre todos os participantes ao finalizar a proba.

O percorrido consta de 60 quilómetros dos cales 17 serán cronometrados. A proba realizouse por primeira vez en 2017 e naceu da necesidade de poñer en marcha un evento deportivo nunha das zonas máis frecuentadas da provincia de Pontevedra, debido á súa beleza paisaxística, tanto por ciclistas afeccionados como profesionais.

A saída efectuarase desde a chaira do Hotel Talaso Atlántico e discorrerá por Baredo, Faro Silleiro, ata chegar ao Mosteiro de Santa María de Oia (un tramo de 23 quilómetros neutralizados). A partir de aí comezará a cronoescalada ata o Monte da Groba, de 17 quilómetros. Trátase dun percorrido de dificultade media, segundo os expertos, polo que pasarán polo Alto da Valga e Torroña ata coroar finalmente A Groba, con 600 metros de altitude. Unha vez superado este segundo tramo, onde se dará o avituallamento, haberá un percorrido final de 20 quilómetros, de regreso ao Hotel Talaso Atlántico, que discorrerá por Chan da Lagoa, Baíña e Baiona.