Segundo informa o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, a Secretaria Xeral de Urbanismo, Encarna Rivas, garante a subvención de 224.000€ outorgada ao Concello para a redacción da novo PXOM. Así llo fixo saber a máxima responsable de Urbanismo da Xunta de Galicia nunha reunión mantida este martes, solicitada de urxencia polo rexedor.
Todo facía presaxiar que de non poder levar a cabo a cesión do contrato de Eptisa a Alfonso Botana SL, como apuntaban os informes desfavorables dos servizos xurídicos e intervención municipal, habería que licitar de novo o contrato, poñendo en perigo a subvención. O alcalde agradece unha vez máis a implicación e compromiso da Secretaria Xeral de Urbanismo con Gondomar.
Así mesmo, Ferreira traballa intensamente cos servizos xurídicos e de intervención municipal para poder evitar unha nova licitación e poder levar a cabo a cesión do contrato de Eptisa a Alfonso Botana SL. “Unha vez sexan favorables os informes técnicos, sería aprobado polo órgano competente, que é a Xunta de Goberno Local, e non o alcalde, como desde un principio mantíñase para o seu levantamento de reparo”.
“Unha vez teñamos os informes favorables irá á primeira Xunta de Goberno a cesión do contrato, e poñerémonos inmediatamente a redactar o Informe de Sustentabilidade Ambiental, previa adaptación á nova Lei de Urbanismo, e que terá que ser validado pola Xunta de Galicia”, engade Ferreira.
“Seguidamente debemos continuar coa adaptación ás novas normas urbanísticas autonómicas e recoller as máis de 600 alegacións presentadas polos veciños ao borrador do PXOM, que estaría listo para a súa aprobación inicial”, conclúe o alcalde.

