Anuncios
Ticker de novas

O equipo feminino do AD Vincios ascende á División de Honra

FOTO: AD VINCIOS // O AD Vincios e o CMT Progreso.

O equipo feminino da Agrupación Deportiva Vincios gañou o sábado o seu partido contra o CTM Progreso, conseguindo o ascenso á División de Honra.

Comezaba o encontro fronte o club madrileño a canteirana e posiblemente unha das rapazas con máis proxección do panorama galego. Luisa Pintos ía ter diante a Áurea, unha xogadora con máis experiencia pero non con máis ilusión que a gondomareña. Luisa ía impoñer o seu xogo e o seu carácter dende o inicio do partido e fixo desfrutar ao banco con cada punto. 3-1 gañou. Bo xogo, ilusión e confianza plena en cada golpe conseguiron este resultado.

Seguiu Alba Prades fronte a xogadora número 1 de Progreso, Elena López, pero Alba, que de tenis de mesa sabe bastante, soubo sacar o partido adiante cun saque excepcional que volveu tola a Elena. O resultado de 3-2 para Alba puña o partido moi de cara con 2-0 arriba.

Quedaban por xogar varios partidos e o Vincios palpaba o ascenso. Viktoriia Pryshchepa saía á pista co resultado favorable, diante tería a Andrea, a priori unha xogadora inferior o cal se confirmou no transcurso do partido gañando por un cómodo 3-0.

Co resultado de 3-0 para as gondomareñas saltaba Luisa fronte a Elena, cedendo os dous primeiros sets de maneira clara por non poder encadear puntos longos, e máis axustado o último set, que perdía en vantaxes que facía o 3-0 final para a madrileña.

3-1 e saía Viktoriia fronte a Áurea, a cal non lle deu ningunha opción gañando 3-0 de maneira moi clara.

Resultado final 4-1 para as gondomareñas, que certificaban o ansiado ascenso e facendo a ledicia de todo o club.

Anuncios