Un mozo tenta evitar un control de alcoholemia cruzando a ponte románica da Ramallosa

FOTO: POLICÍA LOCAL DE NIGRÁN // O vehículo na ponte románica da Ramallosa.

Un condutor novel quixo cruzar esta madrugada a ponte románica da Ramallosa para evitar un control de alcoholemia situado na ponte nova e que realizaban conxuntamente as Policías Locais de Nigrán e Baiona.

Ao chegar ao final dunha das xoias patrimoniais da comarca, construída no Século XIII, atopouse co bolardo que impide o acceso de vehículos desde a parte de Nigrán, polo que se viu obrigado a dar marcha atrás.

Tras as probas realizadas polos axentes, o mozo, de 21 anos e veciño de Vigo, arroxou unha taxa de 1,06 mg/l de alcol expirado, o que significa unha cantidade sete veces superior á permitida para os condutores noveis, de 0,15. No seu regreso desde Baiona, ademais, circulou en sentido contrario pola humanizada Avda. Julián Valverde de Sabarís.

A Policía Local de Baiona abriu dilixencias penais contra el e terá que someterse a un xuízo rápido por un delito contra a seguridade viaria. Ademais, inmobilizóuselle o vehículo.

CONTROL CONXUNTO DAS POLICÍAS LOCAIS DE NIGRÁN E BAIONA
FOTO: POLICÍA LOCAL DE NIGRÁN // Control conxunto das Policías Locais de Nigrán e Baiona na ponte da Ramallosa.