
Este domingo tivo lugar o Trofeo Internacional Concello de Vigo-Copa Galega Grupos Show 2018, no Pavillón Municipal de As Travesas de Vigo.
Cunha asistencia de algo máis de 1000 persoas que gozaron dun espectáculo de patinaxe artística de gran nivel, na modalidade de competición de «grupos pequenos» atopábase o Club Patinaxe Artística Gondomar entre os 19 grupos participantes, saíndo a pista en terceiro lugar.
As gondomareñas co seu «Expediente Alice» proclamáronse campioas do trofeo, a bancada non deixaba de aplaudir trala súa posta en escena facendo alarde da súa gran rapidez, técnica e dificultade. E como é habitual mostraron a forza e velocidade que adoita caracterizalas, pero na presente ocasión o máis importante a destacar foi que dos 41 grupos que participaban hoxe, o Gondomar foi o único que chegou ás puntuacións de 9, alcanzando notas de 9,6.
Os duros adestramentos leváronas a conseguir un primeiro posto galego, un terceiro posto no nacional, agora atópanse preparándose para o próximo Mundial que se disputará en Nantes, Francia.