Nigrán Decide pide que os afectados pola regularización catastral poidan pagar en catro anos

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Ante o intento de eludir responsabilidades por parte do Alcalde de Nigrán, con relación ao envío por parte do ORAL de recibos do IBI dos catro anos non prescritos aos afectados pola regularización catastral, o deputado provincial Xosé Lois Jácome no pasado pleno da Deputación celebrado o 27 de abril, preguntou de quen era a iniciativa para o envío desas cartas, se do ORAL ou dos concellos.

A resposta a esta pregunta por parte de Carlos López Font é clara “O Oral limítase a recibir de cada concello o formato dixital dos recibos, imprimilos, ensobralos e envialos aos contribuíntes que figuran nos padróns”. Destaca tamén que o ORAL, polo Convenio asinado, actúa de xeito obrigado, polo que o único responsable do envío dos catro recibos é o Alcalde de Nigrán, a pesar de que, asegurou á prensa no ano 2016, que ao goberno municipal «nin se lle pasa pola cabeza» requirir o abono dos últimos catro anos. “Estes feitos dan mostra da hipocrisía política e a escasa credibilidade do alcalde de Nigrán”, sinala José Cuevas.

Cómpre destacar que foi o alcalde de Nigrán quen manifestou a súa conformidade co inicio do procedemento de regularización o 26 de outubro de 2015.

Nigrán Decide pedirá no pleno do próximo xoves que o pago do IBI aos afectados pola Regularización catastral se faga en catro anos, mediante a fórmula de que o goberno de Nigrán cobre unicamente cada ano dous recibos, o recibo anual normal e o do ano que prescribía da regularización. Por exemplo, este ano o do 2018 e do 2014, e o ano que vén os recibos dos anos 2019 e 2015. Desta forma, en 4 anos, as persoas afectadas pola regularización catastral, regularizarían a súa situación coa facenda local en 4 anos, dun xeito menos prexudicial para as familias afectadas por este problema.