Vitoria do MBA Atlántico no Trofeo Comunica

O MBA Atlántico patroneado polo destacado regatista portugués Rui Ramada proclamouse vencedor, este sábado nas Rías Baixas, do Trofeo Comunica, a primeira gran competición de cruceiros da tempada primaveral, organizada polo Monte Real Club de Yates coa colaboración do Real Club Náutico de Sanxenxo e do Real Club Náutico de Vigo.

No trofeo, que este ano cambiou de deseño e celebrouse cun formato de dobre saída desde Sanxenxo e Vigo, participaron máis de 200 regatistas a bordo dos 34 barcos inscritos. Unha frota que tivo que facer fronte a unhas condicións complicadas polo vento, que desapareceu por momentos e deixounos flotando en encalmadas que chegaron a durar ata hora e media.

Os barcos que partían como favoritos destacaron desde os primeiros momentos. Tras o bocinazo de saída en Sanxenxo, o Oral Group de Pedro Pazos colocouse rapidamente á fronte de frota, e cunha moi boa navegación logrou revalidar a vitoria que conseguise na edición anterior. O Youkounkoun e Adolfo Castro, do Club Náutico de Portonovo, quedou terceiro na clasificación do trazado Sanxenxo-Baiona, de case 16 millas de percorrido.

Máis curto foi o trazado para os veleiros que tomaron a saída en Vigo ás dúas da tarde, unha hora despois que os de Sanxenxo. Navegaron algo máis de 9 millas e media ata Carallones, onde o comité de regata decidiu acurtar percorrido tras sufrir unha gran encalmada en Toralla.

Divididos en dúas clases segundo a súa capacidade competitiva, os que finalmente levaron a vitoria foron o MBA Atlántico de Rui Ramada do Monte Real; e o Balea Dous de Luis Pérez, que veu disposto a repetir triunfo, e levou de novo a Rodeira o ouro que xa conseguira en 2017.

Detrás do MBA Atlántico quedaron La Burla Negra de Juan José Martínez, do Monte Real; e o Bosch Service Solutions do Club Marítimo de Canido, patroneado por Ramón Ojea. E por baixo do Balea Dous, na segunda clase do percorrido Vigo-Baiona, situáronse o Juliana by Deep Blue de Vicence Cid, con grímpola do Real Club Náutico de Vigo; e o Q Talento de Javier Rey, do Monte Real Club de Yates, prata e bronce do Trofeo Comunica.

Na clase J80, a vitoria foi para o Luna Nueva de Juan Luis Tuero; e o segundo e terceiro posto para o Cansino de Manuel Fernández e o Boy de Canto de Carlos Hernández. O Erizana da novísima regatista viguesa Marta Rego, impúxose na competición dos Fígaros, por diante do Ladeira de Carlos Castelao e o Silleiro de Ramón Palao.

Na entrega de premios aos gañadores, celebrada no Monte Real Club de Yates unha vez finalizada a competición na auga, participaron varios directivos de Comunica, a empresa patrocinadora do trofeo. Entre eles estiveron o seu director executivo, Roberto Lira; o director financeiro, Jorge Berridy ou Vânia Marlise, directora de arte da firma de comunicación visual.

Tras poñerlle o punto e final ao Trofeo Comunica, o Monte Real Club de Yates prepárase xa para outra das súas grandes citas deste ano, o Trofeo Repsol, que se celebrará o próximo fin de semana. A tradicional regata de primavera do club baionés alberga este ano o Campionato de España da clase J80, ao que concorrerán monotipos chegados de toda a península. A cita é os días 28, 29 e 30 de abril, e 1 de maio.