Unha espectacular caravana de motos encherá de cor este fin de semana as estradas do Val Miñor e Baixo Miño. A Vulcan Riders Association Spain celebra en Oia o seu IX Aniversario. Entre 150 e 200 membros chegados desde varios puntos de España serán recibidos o venres no Hotel Glasgow, onde permanecerán aloxados ata o domingo. Serán uns días cheos de actividades, irmandade, reencontros, celebracións e tamén reunións e asembleas.
O programa previsto arrancará o venres coa recepción de participantes, a celebración da Reunión Anual de Presidentes, unha cea típica galega e a actuación dun grupo folclórico.
O sábado, tras o almorzo e a celebración da Asemblea Ordinaria de Socios de VRA Spain, ás 12:00 do mediodía haberá unha saída moto turística polos lugares máis emblemáticos da contorna, como o Mosteiro de Oia ou o Monte de Santa Trega na Guarda, con visita a unha adega do Rosal incluída. Despois dunha boa mariscada, os participantes visitarán Baiona, a iso das 17:30 horas. Finalizada a cea terá lugar un acto en recordo dos socios falecidos e a continuación comezará a Festa Aniversario VRA Spain, coa actuación da banda de rock and roll Breakin’ Bones.
A Vulcan Riders Association Spain é unha asociación de amantes das motos custom de Kawasaki, coñecidas como Vulcan, e está composta por 10.500 membros con sede en 29 países.

